‘Cultura no Camiño’ comezou onte o seu percorrido por 14 concellos das rutas xacobeas da provincia de Ourense, parando en O Barco, e achegará 47 concertos e funcións escénicas

el_camino1

 

‘Cultura no Camiño’ comezou onte o seu percorrido por 14 concellos das rutas xacobeas da provincia de Ourense, parando en O Barco, e achegará 47 concertos e funcións escénicas.

A Xunta de Galicia desenvolve ata finais de setembro a terceira edición do ciclo ‘Cultura no Camiño’, que na provincia de Ourense conta coa participación de 14 concellos para ofrecerlle ao público un total de 47 concertos e representacións escénicas. A programación ourensá dará comezo mañá sábado 18 co espectáculo que a compañía Troula Animación ofrecerá ás 18.00 horas no Campo de San Nicolás de Sandiás, e cun concerto da Compañía Lírica de Galicia, ás 19.00 horas na igrexa de San Pedro de Trasalba, en Amoeiro.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia organizan esta nova entrega do circuíto, en colaboración con 93 municipios das diferentes rutas xacobeas en Galicia e co patrocinio de Gadis, como parte das actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela. No caso da provincia de Ourense, os concellos asociados á iniciativa son Allariz, Amoeiro, Coles, Monterrei, O Barco de Valdeorras, Ourense, Riós, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Sandiás, Verín, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.

Carteleira cen por cento galega

Durante estes cinco meses de actividade, un total de 37 formacións artísticas actuarán en diferentes escenarios e emprazamentos ao aire libre dos devanditos concellos para conformar unha ampla e heteroxénea oferta cultural, cen por cento galega: 19 representacións de teatro de actor, monicreques e narración oral, 15 concertos, sete funcións de novo circo e seis de maxia.

Destaca nesta programación a oferta especialmente pensada para o público infantil e familiar, que supón un 30 por cento do total das citas. Así, por exemplo, Xoán Curiel estará en Verín e no Barco co seu espectáculo musical ‘Estamos no verán’. E haberá tamén propostas teatrais para os espectadores máis novos, como as de Elefante Elegante en Verín, Ghazafelhos en Allariz e no Barco, Troula en Riós ou Os Monicreques de Kukas en Amoeiro e Verín, entre outras.

En canto ao resto dos públicos, a carteleira abrangue moi diferentes estilos e xéneros, como os monólogos de Serxio Pazos en Xunqueira de Ambía, Pedro Brandariz en San Cristovo de Cea e José Manuel Rodríguez “Isi” en Coles; o novo circo de Peter Punk en San Cibrao das Viñas e Pistacatro en Monterrei, Riós, Xunqueira e Cea; ou os concertos de Guezos en Xinzo de Limia, Trío Vaamonde, Lamas e Romero en Cea e Sandiás, e Palito e Pesdelán en Ourense, citando tan só algunhas das 47 citas culturais previstas.

O calendario completo de actuacións está dispoñible para a súa consulta no web da Agadic (www.agadic.culturanocamino), así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.xunta.es/gl/axenda).

También te podría gustar...