Cultura e Educación descubre a arte xacobea no museo Centro Gaiás a través das visitas ‘Nocturnas’ a ‘Camiño. A orixe’

image_galleryA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria descubre novas olladas e matices da arte xacobea a través das ‘Nocturnas’, actividade da Cidade da Cultura de Galicia que comeza hoxe e coa que se pretende descubrir a exposición ‘Camiño. A orixe’.

Todos os mércores do mes de xullo, a partir das 21:00 horas, a Cidade da Cultura convida a descubrir unha nova cara da exposición ‘Camiño. A orixe’ ao caer o sol para apreciar outros matices e riquezas da arte xacobea. Nun percorrido guiado directamente por responsables do proxecto expositivo, recrearase a noite na que o eremita Paio atopou no Libredón os restos do Apóstolo e emprenderase unha viaxe a través de séculos de Historia e Arte.

Vinte e cinco membros do Club Gaiás serán os primeiros en realizar esta tardiña este percorrido especial no que apreciar dunha outra forma a arte do Camiño da man dunha das súas responsables: María García-Alén. Ao percorrido seguirá un momento musical a cargo de Vilouta, considerado un dos djs máis elegantes da escena galega; e un petisco, convertendo o espazo artístico nun lugar para a reflexión, a contemplación e o goce.

Deste xeito, os participantes ás ‘Nocturnas’ contarán cunha cata comentada e degustación dos viños Albariño Condes de Albarei e Albariño Pazo Baión, que maridarán co doce ‘A tentación de Eva’, unha empanada de mazá de Fina Rei.

Todo tras coñecer ‘Camiño. A orixe’, unha mostra formada por 150 obras de arte e once intervencións artísticas que ofrecen unha visión contemporánea da ruta xacobea e que nos devolve ao xermolo deste fenómeno. Con obras mestras de grandes artistas como Durero ou Murillo procedentes de recoñecidas institucións, desde a Galería Uffizi ao Museo do Prado, Patrimonio Nacional ou a Catedral de Santiago, e outras pezas dun alto valor cultural, ‘Camiño. A orixe’ desprégase polos andares 1 e 2 do Museo Centro Gaiás nunha montaxe contemporánea deseñada polo estudo de arquitectura Irisarri-Piñera.

Tras a sesión inaugural de hoxe, as ‘Nocturnas’ terán lugar o 15, 22 e 29 de xullo. Ningunha das sesións conta xa con prazas dispoñibles.

También te podría gustar...