• Abastecemento e saneamento para Valdeorras e os concellos de Punxín, Cenlle e San Amaro, temas da comisión de Medio Ambiente

 

A comisión informativa da Deputación de Ourense de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente aborda hoxe xoves, 22 de decembro, os convenios de colaboración en materia de medio ambiente co Consorcio de Augas de Valdeorras para a prestación de asistencia para a xestión: do servizo de abastecemento de auga potable no Barco de Valdeorras, do servizo de rede de sumidoiros do Barco de Valdeorras, e do servizo intermunicipal de depuración de augas residuais na Comarca de Valdeorras.

Asemade na xuntanza abordarase o convenio de cooperación cos concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro, para a prestación de asistencia para a xestión das instalacións de abastecemento en alta “Razamonde-San Trocado”.

Pola súa parte, a comisión de Cultura, Deportes e Mocidade tratará o tema da ratificación da aprobación dos novos estatutos do Consorcio do Centro Asociado da UNED. O Consorcio ten por obxecto o sostemento económico do Centro Asociado á UNED de Ourense, co fin de servir de apoio ao ensino superior e colaborar co desenvolvemento cultural da contorna.

O Consorcio está constituído pola Deputación de Ourense, o Concello de Ourense, a Universidade Nacional de Educación a Distancia, pudendo incorporarse a el no futuro outras entidades. A duración do Consorcio será por tempo indefinido.