Conmemoración do Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos

A Xunta de Galicia únese á conmemoración do Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos.

  • O Goberno galego pon en marcha a campaña de sensibilización “As súas vidas non teñen prezo”, da que se distribuirán 3.000 carteis por toda Galicia
  • Desde o ano 2010 a Xunta ten achegado dous millóns de euros ás 11 ONG que axudan a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e vítimas de trata
  • Este ano a Rede Galega contra a Trata foi galardoada cunha ‘Medalla Castelao’

Hoxe conmemórase o Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos e o Goberno galego pon en marcha a campaña de sensibilización “As súas vidas non teñen prezo”, coa que se pretende seguir concienciando ao global da sociedade no combate contra esta lacra.

Cartel do Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos

Cartel do Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos

Para iso distribuiranse 3.000 carteis nos concellos galegos, CIM, casas de acollida, CRI, CEMVI, delegacións territoriais da Xunta, xulgados de violencia de xénero, oficinas de atención ás vítimas, centros de saúde e nas once entidades que teñen asinado convenios de colaboración coa Vicepresidencia da Xunta para loitar contra esta lacra.

Desde ao ano 2010, a Xunta, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, colabora coas 11 ONGs que axudan en Galicia ás mulleres inmigrantes en situación de prostitución e vítimas de trata con fins de explotación sexual. O importe total destes convenios de colaboración ascende a dous millóns de euros e o número de persoas atendidas rolda as 21.000.

Este ano a Vicepresidencia volveu asinar os convenios de colaboración con Accem, Adoratrices Ourense, Aliad-Utreira, Cruz Roja, Ecos do Sur, Faraxa, Médicos do Mundo, Oblatas Ferrol e as filiais de Cáritas en Lugo, Ourense e Santiago. Estas entidades recibiron unha achega de 328.000 euros para desenvolver programas de atención a vítimas de trata.

Entre as actuacións que realizan estas ONG están as de asesoramento, apoio e información respecto aos recursos sociais e xurídicos; acompañamento para a realización de trámites administrativos e burocráticos; actividades de formación e integración; ou sensibilización social sobre a situación das vítimas de explotación sexual; entre outras.

Ao abeiro destas axudas, en 2014 atendéronse nestas ONG a máis de 7.000 persoas, procedentes na súa maioría de países como Brasil, República Dominicana ou Romanía. Ademais, preto do 80 por cento tiñan idades comprendidas entre os 25 e os 54 anos e practicamente a metade foron atendidas dentro da provincia de Pontevedra.

Medallas Castelao 2015
Este ano a Xunta concedeu á Rede Galega contra a Trata unha ‘Medalla Castelao’, coa que a Administración autonómica distingue aqueles galegos e galegas autores dunha obra merecente do recoñecemento do seu pobo en calquera faceta da actividade humana.

A Rede foi galardoada con este importante distintivo polo seu traballo a prol da atención a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e/ou trata con fins de explotación sexual na nosa Comunidade, coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.

Declaración institucional: 18 de outubro Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos

A trata de seres humanos é a escravitude do noso tempo e, lamentablemente, unha realidade en Europa e no noso país. Supón unha profunda violación dos dereitos humanos, da dignidade e da liberdade da persoa e constitúe unha forma de delincuencia grave, que na maioría das ocasións implica organizacións delituosas ás que proporciona importantes beneficios baseados na utilización das persoas con distintos fins de explotación.

Este atentado contra os dereitos das persoas adquiriu enormes dimensións, sendo a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual unha das súas expresións máis crueis e denigrantes, e a forma de trata de maior magnitude no noso país. A este respecto, a Organización Internacional do Traballo (OIT) estima, no seu informe «Traballo forzoso, tráfico humano e escravitude» do ano 2014, que o número total persoas nesta situación de escravitude moderna, entre as que están incluídas as vítimas da explotación sexual, ascende a preto de 21 millóns de persoas, das que o 80% son mulleres.

Ademais, os informes emitidos polas distintas organizacións internacionais que traballan no ámbito da loita contra a trata de seres humanos (OIT, Oficina contra a Droga e o Delito de NNUU, Unión Europea, etc.) recollen datos que poñen de manifesto unha realidade ineludible: a trata de persoas é un crime que non é neutral en termos de xénero; A trata de seres humanos afecta ás mulleres de xeito desproporcionado, non só por rexistrar a maior parte das vítimas, senón porque as formas de explotación ás que son sometidas adoitan ser máis severas, especialmente a trata con fins de explotación sexual.

Segundo a Estratexia da Unión Europea para a erradicación da trata de seres humanos (2012-2016), a demanda de servizos sexuais identifícase como unha das principais causas da trata con fins de explotación sexual, polo que no marco da prevención debe abordarse necesariamente este aspecto, tendo en conta tanto aos homes que demandan prostitución como ao conxunto da sociedade que, na crenza de que a trata de seres humanos se produce en países afastados, adopta unha postura de tolerancia cara a situacións próximas que non se recoñecen como posibles situacións de escravitude.

O Goberno do Estado ven de presentar o II Plan Integral para a Loita contra a Trata de Mulleres e Nenas con Fins de Explotación 2015-2018 , que constitúe un salto adiante para combater o negocio da vulneración dos dereitos das mulleres. Un Plan dotado con 104 millóns de euros e estruturado en 143 medidas que supón un esforzo conxunto das administracións e das organizacións especializadas en dar apoio ás vítimas.

Un ano máis, agora en 2015, o Goberno da Xunta de Galicia pon en marcha a campaña de sensibilización «ÁS SÚAS VIDAS NON TEÑEN PREZO», co obxectivo de seguir concienciando á sociedade e, especialmente á mocidade pois os datos indican que que un 45% das vítimas teñen menos de 25 anos e unha gran parte dos clientes son tamén homes novos. É por iso que se constata a necesidade de traballar na prevención deste tipo de condutas, e en evitar frivolizar e normalizar o que supón unha vulneración de dereitos.

O obxectivo dos poderes públicos ten que ser o dar un salto adiante para que a loita contra a trata de seres humanos sexa un asunto presente na axenda política, non só hoxe, no Día Europeo contra a trata de persoas, senón de xeito permanente en tanto non logremos a erradicación deste delito.

También te podría gustar...