Ministerio de Xustiza e Xunta de Galicia colaboran para mellorar a asistencia xurídica gratuíta.

  • Alfonso Rueda e Rafael Catalá asinaron onte un convenio polo que Galicia recibirá 350.000 euros para sufragar este servizo
  • A Xunta considera que a quenda de oficio é un servizo fundamental para garantir a igualdade de condicións de todos os cidadáns no acceso á Xustiza
  • Cada ano, o goberno galego destina unha media de dez millóns de euros para AXG

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, asinaron onte un convenio polo que o Goberno central vai transferir un total de 346.836 euros para a Administración de Xustiza galega, que a Xunta destinará preferentemente á partida adicada á xustiza gratuíta.

Segundo o acordado no Pleno da Conferencia Sectorial da Administración de Xustiza, o pasado mes de abril, e aprobado polo Consello de Ministros no mes de maio, o Ministerio de Xustiza comprometeuse ao reparto dun fondo de 6 millóns de euros, para as comunidades autónomas con competencias transferidas en materia de Xustiza. Na reunión da Conferencia Sectorial todas as autonomías aceptaron de xeito unánime os criterios de distribución, polo que a Galicia lle corresponderán arredor de 350.000 euros dese fondo.

O Goberno galego destinará esta nova partida do Ministerio basicamente á mellora da asistencia xurídica gratuíta, que conleve un incremento de garantías dos dereitos dos cidadáns. Ademais da dotación de medios materiais para o mantemento da organización xudicial e a implementación da Nova Oficina Xudicial e Fiscal; e á incentivación de melloras que incidan nun servizo público de calidadeimage_gallery.

Compromiso coa Asistencia Xurídica Gratuíta
A Xunta mantén o firme compromiso coa Asistencia Xurídica Gratuíta, ao considerala un servizo fundamental para garantir a igualdade de condicións de todos os cidadáns no acceso á Xustiza. Cada ano, o goberno galego destina unha media de dez millóns de euros para AXG.

Dentro desa aposta está a celeridade no pago aos avogados da quenda de oficio, que actualmente está en 18 días desde a xustificación dos asuntos. Esta rapidez contrasta coa media de case tres meses coa que se facía antes de 2009, é dicir, tres meses contra menos dun mes.

No tocante ás melloras dos últimos anos, unha das medidas máis salientables foi a comunicación telemática entre os colexios profesionais e a Administración. O acceso telemático ás bases de datos do Catastro, da Seguridade Social a da Axencia Estatal de Administración Tributaria por parte das comisión de AXG axilizou a resolución das solicitudes do dereito. Tamén se modificou o modelo de solicitude de asistencia xurídica gratuíta, os soportes no que os colexios profesionais deben enviar a xustificación dos asuntos certificados, e introducíronse melloras nos procedementos de certificación e xustificación das compensacións económicas.