image_gallery (2)

 

Os primeiros participantes da edición deste ano do programa da Campaña de Verán ‘Conecta con Galicia’, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegos e que residan no Exterior, aterraron onte a mañá nos aeroportos da Coruña e Santiago. No primeiro deles, foron recibidos polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e maila delegada da Xunta na Coruña, Belén Do Campo; e no compostelán, Miranda estivo acompañado pola subdirectora xeral do Instituto da Xuventude de Galicia, María Mosteiro.

Trátase dunha iniciativa da propia Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pola que se pretende que este colectivo teña oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, e atoparse cos seus familiares da outra beira do Atlántico no marco da Campaña de Verán da Consellería de Traballo e Benestar.

O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

Así, o programa permite que 174 descendentes de cidadáns galegos poidan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana cos seus coetáneos desta parte do océano, pois a estadía realízase conxuntamente cun colectivo de rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial.

Actividades de aire libre
‘Conecta con Galicia’ desenvólvese en dúas modalidades. A primeira delas son actividades de aire libre, modalidade da que se beneficiarán 155 mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Compartirán con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días, do 1 ao 12 de xullo e do 15 ao 26 de xullo, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar.

Nestas instalacións realizarán dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, os participantes aloxaranse nas residencias xuvenís Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participarán en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorrerán o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe “O mar de Galicia” no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizarán actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.