A esmorga

 

As películas galegas ‘As altas presións’, de Matriuska Producións, ‘A Esmorga’, de Vía Láctea Filmes, ‘Maimiño’, de Ficción Producciones, e ‘A cambio de nada’, coproducida por ZircoZine, inician mañá 8 de maio a súa distribución nos cines españois, o que suporá a coincidencia nas próximas semanas nas carteleiras comerciais de catro títulos con produción galega de moi diversos xéneros.

‘As altas presións’, que realiza hoxe súa preestrea na sala Numax de Santiago de Compostela nos cines Zoco de Majadahonda (Madrid), é unha longametraxe con dirección e guión de Ángel Santos que se presenta como unha viaxe arredor do desarraigo, o cine e o amor. Interpretada por Andrés Gertrúdix, Itsaso Arana, Diana Gómez, Juan Blanco, Marta Pazos, Hugo Torres, Xabier Deive, Fernando Epelde, Iván Marcos, Olalla Tesouro, Borja Fernández, Pablo Piñeiro, Bea Campos e Unicornibot, a fita obtivo o premio do xurado ‘Las nuevas olas’ á mellor película no Festival de Sevilla.

A adaptación cinematográfica da novela de Blanco Amor ‘A Esmorga’, con dirección de Ignacio Vilar e con Antonio Durán “Morris”, Miguel de Lira e Karra Elejalde no elenco protagonista, inicia tamén mañá o seu percorrido por diferentes cinemas de Cataluña, Euskadi, Madrid e Navarra, aos que chegará tanto na súa versión dobrada como na orixinal subtitulada. Este traballo, gañador de seis Premios Mestre Mateo 2015, comezará así a súa viaxe fóra de Galicia, onde xa superou os 60.000 espectadores e chegou ás 15 semanas en carteleira. ‘A Esmorga’ foi tamén o primeiro filme rodado en galego que conseguiu situarse entre os finalistas aos Premios Goya, aos que optou na categoría de mellor guión adaptado. Trátase dunha crónica tensa e intensa sobre as vinte e catro horas de esmorga que Cibrán ‘o Castizo’, Milhomes e o Bocas comparten na localidade de Auria, trasunto literario de Ourense.