Carlos Fernández-Nóvoa, Verónica Boquete, Pepe Domingo Castaño, Vaca Films e a Rede Galega contra a Trata, galardoados coa Medalla Castelao 2015

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xunta

 

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o decreto polo que se concede a Medalla Castelao 2015, coa que a Administración autonómica distingue aqueles galegos e galegas autores dunha obra merecente do recoñecemento do seu pobo en calquera faceta da actividade humana.

O decreto aprobado hoxe acorda distinguir á futbolista Verónica Boquete, ao catedrático de Dereito Industrial, Carlos Fernández-Nóvoa, ao comunicador Pepe Domingo Castaño, á produtora cinematográfica Vaca Films e á Rede Galega contra a Trata.
CARLOS FERNÁNDEZ-NÓVOA

Carlos Fernández-Nóvoa naceu na Estrada en 1930. Licenciouse e doutorouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) summa cum laude e despois especializouse en Dereito Mercantil. En 1964 tomou posesión da cátedra desta disciplina na universidade compostelá, que ocuparía ata o ano 2000.

En 1964 obtivo por oposición, co número 1, a cátedra de Dereito Mercantil da Universidade de Santiago de Compostela.

No ano 1973, o profesor Fernández-Nóvoa, comezou a editar a revista Actas de Derecho Industrial, unha referencia no Dereito de Propiedade Industrial e Competencia Desleal e en 1974 creou o Instituto de Dereito Industrial da USC.

As súas obras sobre dereito de marcas, como Fundamentos de derecho de marcas (1984), El sistema comunitario de marcas(1995) ou Jurisprudencia comunitaria sobre marcas (2009) son unha referencia mundial no panorama do dereito comparado.

En 2010 foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Alcalá de Henares, e en 2012 foi designado académico da Real Academia Española de Xurisprudencia e Lexislación. Un ano antes, en 2011, creárase a Cátedra de Innovación e Propiedade Industrial Carlos Fernández-Nóvoa, grazas ao pulo da Escola de Organización Industrial e a Oficina Española de Patentes e Marcas, organismos dependentes do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

 
VERÓNICA BOQUETE

Verónica Boquete naceu en Santiago de Compostela no 1987. A súa carreira como futbolista comezou nas categorías inferiores do club ribeirense Xuventú Aguiño. En 2005 fichou polo Prainsa Zaragoza, coa que debutou na Primeira División Feminina do fútbol español. Despois pasou ao Espanyol, onde foi subcampioa de liga e logrou dúas Copas da Raíña.

En 2010 saltou ao estranxeiro: xogou en Estados Unidos, en Rusia, en Suecia e, finalmente, en Alemaña, pois recalou en Frankfurt no 2012. Durante esta tempada fixo historia, ao ser a primeira española en ser candidata ao Balón de Ouro e tamén a primeira futbolista do noso país que se alza coa Champions League feminina. A próxima tempada xogará no Bayern de Múnic.

Ao longo da súa carreira conseguiu ser a máxima goleadora da liga española na tempada 2010/11 e a mellor xogadora da fase regular americana no 2011. A Secretaría Xeral para o Deporte recoñeceuna como a Mellor Deportista Feminina da tempada 2010/11.
PEPE DOMINGO CASTAÑO

Pepe Domingo Castaño é padronés do ano 1942. A súa dilatada traxectoria radiofónica arrancou en 1964, cando comezou a traballar en Radio Galicia ao tempo que era contable nunha empresa de curtidos de Padrón.

Dous anos máis tarde, decidiu probar sorte en Madrid, onde foi contratado pola emisora La Voz de Madrid. De aí pasaría a Radio Centro e desta emisora á Televisión Española.

Na cadea pública, Pepe Domingo Castaño conduciu programas como Biblioteca Joven, A todo ritmo, Voces a 45 ou El Gran Musical. O seu traballo á fronte deste último programa valeríalle un premio Ondas en 1975. Paralelamente, foi desenvolvendo a súa carreira musical.

O seu último programa en TVE sería 300 millones, despois do cal volveu á radio, á Cadena SER, para conducir emisións deportivas. A partir de 1988, o seu labor en Carrusel Deportivo converteuno nunha das voces máis recoñecibles das ondas españolas. Actualmente traballa no programa Tiempo de Juego da Cadena COPE.
VACA FILMS

Vaca Films nace a principios de 2003 como produtora cinematográfica con base en Galicia para desenvolver e producir proxectos destinados ao mercado nacional e con alta capacidade de internacionalización. Dirixida polos produtores Emma Lustres e Borja Pena, forma parte dos principais foros do sector: FAPAE (Federación de Produtores), AEC (Asociación Estatal de Cine) e AGAPI (Asociación Galega de Produtores). Ademais, tanto Emma Lustres como Borja Pena son membros da Academia de Cine Español e da Academia de Cine Europeo, respectivamente.

A súa principal liña de traballo é a produción de longametraxes cinematográficos, tratando sempre de facer proxectos que poidan atraer un amplo público e que combinen calidade con éxito comercial. Vaca Films é unha empresa consolidada en España onde estableceu sinerxías con destacados creativos e empresas do sector; e estase asentando cada vez máis a nivel internacional.

Nestes anos produciu directores como Daniel Monzón, Daniel Calparsoro, Miguel Ángel Vivas, Dani de la Torre, Alejandro Marzoa, Manuel Martín Cuenca, Juan Calvo, Luís Avilés, Jesús Ponce, Isidro Ortiz, Clive Gordon e Rodrigo Plá. E está detrás de producións de éxito como Celda 211 ou El Niño.
REDE GALEGA CONTRA A TRATA

A Rede Galega contra Trata está integrada por 11 entidades sen ánimo de lucro que desenvolven programas de atención a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e/ou trata con fins de explotación sexual na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.

Estas entidades son ACCEM, Adoratrices Ourense, Cáritas Lugo, Aliad-Utreira, Cáritas Ourense, Cáritas Santiago, Cruz Vermella, Ecos do Sur, Faraxa, Médicos do Mundo e Oblatas de Ferrol. Todas elas, cunha ampla experiencia no trato coas mulleres vítimas desta lacra social, para apoiar a recuperación e a integración social destas persoas.

En 2014 foron un total de 7.118 persoas atendidas por estas 11 ONG, que realizan labores de asesoramento, apoio e información respecto aos recursos sociais e xurídicos; de acompañamento para a realización de trámites administrativos e burocráticos; de creación de grupos de apoio; de capacitación de mediadoras sociais ou axentes de cambio; e tamén diversas actividades de socialización, educación, formación e integración.

También te podría gustar...