Axudas para despregar redes de 100 megas en polígonos industriais

  • A Amtega lanza a convocatoria de axudas para despregar redes de 100 megas en polígonos industriais
  • Os operadores de telecomunicación poderán presentar as súas solicitudes ata o 23 de maio, segundo recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia
  • Conta cun orzamento de 3,4 millóns de euros e permitirá que, en ano e medio, o 90% da superficie empresarial ocupada poida acceder a redes de 100 megas
  • É a primeira liña de actuación do Plan de Banda Larga 2020 para estender redes ultrarrápidas en zonas con alta demanda, sen cobertura nin previsión de dispoñer destas redes

 

logo_DOGO Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas a operadores de telecomunicacións para despregar redes de 100 megas nos polígonos industriais que non contan con cobertura nin previsión de dispoñer destas redes. É a primeira medida do Plan de Banda Larga de Galicia 2020, que desenvolve a Xunta a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

A convocatoria establece un obxectivo total de 115 polígonos divididos en tres prioridades (alta, media e baixa), fixando unha cobertura mínima de 50 polígonos industriais. Deste xeito garántese que, como mínimo, o 60% dos polígonos industriais de Galicia, nos que se concentra case o 90% da superficie empresarial ocupada, dispoñan de acceso a redes de 100 Mpbs no ano 2018

A Amtega destina a esta convocatoria un orzamento máximo de 3.424.610,80 euros no período 2016-2018, e estima que o investimento total que se xerará será de máis de 5,2 millóns de euros. As subvencións que se concedan non superarán o 65% do custo total do proxecto.

Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Prazos e características da convocatoria
Os operadores de telecomunicación poderán presentar as súas solicitudes no prazo máximo dun mes dende o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG.

A convocatoria inclúe un anexo cos polígonos industriais que poden acollerse a subvención por ser considerados “zonas brancas” de redes de nova xeración, é dicir que carecen de cobertura destas redes nin previsión de dispoñer delas .

As redes coas que se dote aos polígonos deberán proporcionar servizos de cando menos 100 megas de baixada e 20 de subida, ofrecer unha garantía de caudal do 80% e non limitar as descargas.

Plan de Banda Larga de Galicia 2020
O Plan de Banda Larga de Galicia 2020, aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.

Para a consecución das metas fixadas o Plan establece un conxunto de medidas enmarcadas en tres itinerarios diferenciados que se levarán a cabo ata 2020. É no marco do Itinerario 1 onde se definen as seguintes medidas para a extensión, modernización e innovación das redes de telecomunicación en Galicia:

o Extensión de redes de 100Mbps ata acadar case 1,7 millóns de habitantes (o 60% da poboación de Galicia) e o 55% dos polígonos con cobertura de redes de nova xeración.

o Extensión de redes de 30Mbps ata acadar case 2,66 millóns de habitantes (o 96 % da poboación) e o 100% dos polígonos con cobertura de 30Mbps.

o Universalización da banda larga de 30Mbps mediante a posta en marcha de subvencións para a contratación de banda larga vía satélite naquelas zonas máis illadas ás que non cheguen as redes (obxectivo do 4% da poboación restante).

Para conseguir estes obxectivos o Plan de Banda Larga 2020 mobilizará 46 millóns de euros, entre financiamento público e privado. A este orzamento engádese o investimento previsto polo Estado de 44 millóns de euros en Galicia dentro do programa Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración, que xunto co investimento privado inducido por esta media, suporán máis 100 millóns de euros de en cinco anos no impulso, e despregamento e adopción de redes ultrarrápidas en Galicia .

También te podría gustar...