• O obxectivo é manter unha canle continua de comunicación para favorecer a transferencia de experiencias e coñecemento entre persoas e institucións a prol da modernización dos servizos que prestan os gobernos locais intermedios
  • OForo de Innovación dos Gobernos Locais”, celebrado onte en Madrid, destacou á Deputación de Ourense polas súas “solucións administrativas”
  • Manuel Baltar foi convidado a presentar o seu modelo de “Provincia Intelixente”, no que se promove o traballo en rede do goberno provincial cos concellos e cidadáns da provincia
Manuel Baltar, no Foro de Innovación, en Madrid

Manuel Baltar, no Foro de Innovación, en Madrid

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou onte en Madrid no “Foro de Innovación dos Gobernos Locais”, evento que destacou á Deputación de Ourense polas súas solucións administrativas no eido tecnolóxico e de traballo en rede cos concellos e cidadáns da provincia en materia de servizos sociais, infraestruturas, cultura e xestión económica.

No marco deste encontro, as deputacións de Ourense, Castellón, Girona e Zaragoza acordaron constituír o “Foro Interprovincial de Innvoación”, un ente que ten como obxectivo manter unha canle continua para favorecer a transferencia de experiencias e coñecemento entre persoas e institucións a prol da modernización dos servizos que prestan os gobernos locais intermedios.

Neste sentido, Manuel Baltar asinou cos seus homólogos provinciais un documento no que se pide ampliar a colaboración a outras administracións públicas e a entidades como a FEMP, Partenalia ou a Rede Española de Cidades Intelixentes (RECI), para, entre todos, “compartir coñecemento nos temas relacionados coa innovación, a tecnoloxía e a administración electrónica”, afirma Manuel Baltar.

O Foro Interprovincial de Innovación contará co Club de Innvoación e Espublico como colaboradores estratéxicos, e impulsará a adhesión doutros gobernos locais intermedios para que a transferencia de experiencias e compartición de coñecemento entre persoas e institucións “non se interrompa senón que se manteña de modo permanente ao longo de todo o ano, máis aló dos eventos que se organicen”, explicou Manuel Baltar.

Máis de 50 institucións

Manuel Baltar foi convidado a intervir diante de máis de 50 institucións que debaten e poñen en común experiencias de éxito, tanto práctico como conceptual, nas áreas e servizos relacionados coa innovación, a e-administración, a tecnoloxía e o asesoramento a municipios.

O obxectivo é afondar nas áreas mencionadas debatendo sobre os retos de futuro das administracións provinciais e o seu papel de promoción e apoio da modernización dos seus servizos, transferencia tecnolóxica e marco legal.

A iniciativa de “provincia intelixente”, denominación coa que Manuel Baltar definiu un traballo conxunto no ámbito da innovación tecnolóxica a prol dos 92 concellos da provincia de Ourense, suscitou interese e un importante debate entre técnicos e representantes institucionais reunidos no foro, “polo que supón de innovación e xestión supramunicipal en rede de servizos”. Manuel Baltar destacou que traballamos na liña de situar a cada concello na vangarda tecnolóxica no que á xestión administrativa se refire “porque non importa o número de persoas que resida en cada municipio senón o territorio, xa que todas as veciñas e veciños de calquera lugar da nosa provincia teñen o mesmo dereito a recibir os mesmos servizos coa máxima eficacia e excelencia na prestación, e para elo o concepto de “provincia intelixente” significa desenvolver iniciativas innovadoras na administración pública aplicadas ás xestións dos concellos e dos cidadáns para facilitarlles os trámites e para achegarlles solucións innovadoras aos seus problemas e necesidades”.

Manuel expuxo o seu modelo de xestión para a provincia de Ourense, nun relatorio previo á clausura do foro, xunto aos seus homólogos de Castellón, Javier Moliner, e de Girona, Per Vila. Os tres analizaron a estratexia política e os plans de actuación dos gobernos provinciais de Ourense, Castellón e Girona no ámbito da innovación na prestación de servizos aos cidadáns.

Baltar dixo que na liña de posicionamento da Deputación de Ourense, que leva a ser recoñecido seu papel innovador no ámbito da xestión “consideramos de gran relevancia para a cidadanía as iniciativas de innovación administrativa que temos implementado nos últimos anos”, entre as que citou a Carta de Servizos da Deputación de Ourense, o Debate sobre o Estado da Provincia, a aprobación no me de setembro dos orzamentos do ano seguinte, o Código Ético, a Ordenanza de Transparencia, a aposta pola política, a formación dos cargos públicos locais ou a retransmisión de actos a través da web institucional, “toda unha serie de ferramentas e actuacións que nos sitúan á vangarda dos gobernos provinciais, marcando en moitos temas a pauta a seguir nas provincias do futuro”.

No foro, que se celebra no Instituto Nacional de Administración Pública de Madrid, o presidente do goberno provincial explicou que o modelo de xestión para a provincia de Ourense baséase nos plans de estratexia operativa Ourense 92 e Plan 15-19 que o goberno provincial desenvolve no ámbito da innovación e da xestión pública. A estrataxia de posicionamento da “marca Ourense“; á promoción das singularidades da provincia; un modelo de xestión pública baseado en iniciativas innovadoras e participativas, que facilitan a relación administración-cidadán; a cooperación público-privada, e a transparencia como liña institucional básica, centraron os temas da intervención de Manuel Baltar.

Manuel Baltar, no Foro de Innovación, en Madrid

Manuel Baltar, no Foro de Innovación, en Madrid