A Xunta súmase á campaña internacional ‘Quere o teu mercado’ apoaindo iniciativas de dinamización en máis de 50 prazas de abastos

Imagen de la plaza de abastos de O Barco ayer por la mañana. FOTOSLOLITA VÁZQUEZ

Imagen de la plaza de abastos de O Barco ayer por la mañana. FOTOSLOLITA VÁZQUEZ

A Xunta súmase á campaña internacional Quere o teu mercado, que se celebra do 15 ao 30 de maio en 16 países de Europa, América e Asia, apoiando diferentes iniciativas de dinamización en máis de 50 prazas de abastos de toda Galicia. A Consellería de Economía e Industria, en colaboración coa Federación Galega de Comercio, os concellos e as asociacións de praceiros, impulsa a celebración por primeira vez na comunidade desta iniciativa, aberta á incorporación de máis mercados, dentro da cal se desenvolverán distintas actividades para visualizar e promocionar as prazas como pezas clave do comercio de proximidade.

Entre as actuacións específicas promovidas pola Xunta xunto co sector celebrarase o vindeiro sábado 30 de maio o Día do Mercado, poñendo en valor a calidade e a profesionalidade das prazas galegas. Ademais, no marco desta iniciativas, impulsaranse actividades para os máis pequenos, actuacións musicais, un concurso de fotografías e iniciativas nas redes sociais, entre outras propostas.

Quere o teu mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano conta coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos.

A iniciativa preséntase como unha divertida oportunidade para que xente de todas as idades e condicións celebren a cultura do mercado local, resaltando o papel que xogan as prazas na compra de produtos frescos e de calidade, na cultura, e a tradición, á vez que se incentiva a creación de novos negocios nos mercados.

O apoio ás prazas de abastos é un dos eixos da estratexia específica de impulso ao sector comercial da Xunta, que traballa co obxectivo de consolidalas como líderes na venda de produtos frescos e de calidade e impulsar a súa excelencia con novos e mellores servizos para os consumidores.

También te podría gustar...