A Xunta estuda un paquete de medidas fiscais que contribúan a desenvolver máis proxectos empresariais no rural

image_gallery (5)A Xunta estuda un paquete de medidas fiscais que contribúan a desenvolver máis proxectos empresariais no rural. Esta medida foi anunciada hoxe pola Administración autonómica no marco dunha xuntanza entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde; o secretario xeral de Agricultura e Alimentación do Magrama, Carlos Cabanas, e representantes dos sindicatos agrarios, da industria láctea e do sector da distribución. Unha reunión que escenificou a vontade de diálogo entre produtores, industria e distribución.

Estas bonificacións fiscais véñense a sumar ao paquete de medidas a curto, medio e longo prazo, adoptadas para mellorar a competitividade das explotacións, a súa capacidade financeira e de liquidez e a estrutura comercial do sector. Así, complementarán os preto de 650 millóns de euros que a Xunta destinou xa ou vai achegar ao sector lácteo galego nos vindeiros anos, dos cales 500 millóns están contemplados no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020.

Ademais, en relación ás medidas de axuda inmediata, no que vai de ano, a Xunta inxectou xa ao sector máis de 116 millóns de euros de axudas, ademais doutros 32 que están en tramitación e que se pagarán este ano. Destes fondos, 95 millóns son axudas directas ás explotacións, polo que cada unha recibe unha media de case 10.000 euros. A Xunta tamén axudou a que os gandeiros obtivesen liquidez anticipando as axudas da PAC, axilizando o pago dos fondos destinados á modernización das explotacións e a incorporación de mozos á actividade agraria e apoiando o acceso a unha liña de 10 millóns de euros de capital circulante.

Co obxectivo de promover o consumo e a posta en valor do leite galego, en agosto comezarán unha campaña a prol do selo de calidade Galega 100% e en setembro distribuiranse tetrabriks pequenos con este selo, para así fomentar o consumo de leite entre os cativos. Nestas campañas de información colaborarán varios departamentos da Xunta, como as Consellerías de Economía e Industria, Sanidade, Educación e Traballo.

Alén disto, outros 30 millóns orientaranse a fomentar investimentos industriais no sector lácteo e a impulsar a concentración empresarial que permita ás empresas e cooperativas gañar tamaño.

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou que o paquete de medidas no que traballa a Administración é integral, pois implica a todos os departamentos da Xunta. Tamén lembrou que nos últimos catro meses a Xunta mantivo 45 reunións cos representantes dos sindicatos agrarios e o Ministerio máis de 15. Neste sentido, sinalou que agarda que “todas estas medidas cheguen ao sector produtor para que sexan quen de valorar o que estamos a facer polo seu presente e futuro”.

Por outra banda, o secretario xeral de Agricultura e Alimentación do Magrama, Carlos Cabanas, destacou que tanto o Goberno central como a Xunta están mediando e promovendo o entendemento entre o sector produtor, a industria e a distribución para mellorar as condicións que teñen a través da comunicación dos problemas que poden existir. O que solicitan, lembrou o secretario xeral, é que se evite a banalización do produto, é dicir que non se use o leite como produto reclamo e que se lle dea un valor. Neste eido, o Goberno central e a Xunta e traballaremos conxuntamente na promoción de consumo de leite. Ademais buscamos asegurar que o leite se estea comprando ao prezo que poida garantir a sustentabilidade das explotacións. O que non pode facer a Administración, sentenciou, é fixar un prezo, pois é o mercado o que establece esas condicións.

También te podría gustar...