A Xunta destina preto de 250.000 euros a axudas para a realización de actividades extraescolares por partes das Anpas galegas

Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13O Diario Oficial de Galicia publicou onte unha resolución da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se conceden axudas para as asociacións de nais e pais de alumnos/as, dos centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade, para a realización de programas de actividades extraescolares e complementarias.

Estas actividades están dirixidas ao alumnado de educación infantil, primaria e de centros de educación especial e teñen como finalidade principal contribuír á conciliación da vida familiar e laboral durante o curso 2014-2015.

Esta liña de axudas achega preto de 250.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo. Por provincias, Pontevedra é a maior beneficiaria, con 23 centros que recibiron un total de 107.142,86 euros, seguido da Coruña, 18 centros cun total de 69.169,85 euros, Ourense, 8 centros que recibiron unha contía total de 33.163,27 euros e Lugo, con 10 centros que recibiron un total de 27.838,12 euros.

Os programas subvencionados contribúen ao desenvolvemento integral do alumnado, reforzan os valores igualitarios, libres de prexuízos e de estereotipos sexistas, así como a concienciación contra a violencia de xénero.

Unha das singularidade da convocatoria para este curso escolar foi que se primou aqueles programas que contemplaban de xeito específico a realización de actividades ou accións de sensibilización dirixidas a promover a Igualdade e a prevención da violencia de xénero. A contía das axudas para este fin acadou ata un máximo de 6.000 euros por entidade.