A Xunta destaca a importancia da coordinación para lograr maior eficiencia nas intervencións en incendios forestais na visita a Xinzo de Limia

image_gallery (1)

 

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, reuniuse onte a mañá co persoal responsable da mobilización de medios e recursos de extinción e loita contra o lume do distrito forestal de Xinzo de Limia. Na reunión, na que tamén estiveron presentes varios axentes das Forzas e Corpos de Seguridade e técnicos e axentes do Servizo de Defensa contra os Incendios Forestais, déuselle a coñecer o Plan Especial de Incendios Forestais (PEIFOGA 2015) recentemente aprobado, a todo o persoal que intervén na prevención e extinción dos incendios forestais.

Esta é a primeira das moitas reunións operativas que ao longo desta semana se desenvolverán nos restantes Distritos forestais, tal e como acordou o Comité provincial de Seguimento dos lumes forestais. O obxectivo destes encontros é conseguir unha maior eficiencia nas intervencións en incendios forestais, a través da utilización dos medios máis axeitados e a súa debida coordinación.

O Plan Peifoga establece as funcións básicas e o contido mínimo que deben ter os plans de actuación municipal, así como o marco organizativo xeral que posibilita a plena integración destes no Plan Especial. Establece a organización e os procedementos de actuación dos recursos e servizos cuxa titularidade lle corresponda á Xunta e os que poidan ser asignados ao plan por outras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, coa finalidade de lles facer fronte ás emerxencias que poidan darse en caso de incendios forestais.

Contén os fundamentos legais e técnicos establecendo o seu carácter de Plan Director da planificación territorial e definindo o concepto, as funcións e o contido mínimo dos Plans de Actuación Municipal fronte ao risco de incendios forestais. Describe o alcance do risco no territorio de Galicia procedente do estudo da vulnerabilidade, da análise dos datos estatísticos de incendios, tendo en conta a súa frecuencia, gravidade e causalidade. Ademais, define os órganos de dirección e coordinación de emerxencias que se constitúen en función dos diferentes niveis de perigosidade e os recursos a utilizar.