0 XG 080116

 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada onte no Pazo Provincial aprobou un acordo de colaboración co Concello de Ourense para poñer en marcha unha estratexia de desenvolvemento urbano sostible integrado da provincia de Ourense, Estratexia Conecta Ourense (ECOU). Así o informou esta mañá a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 8 de xaneiro.

O principal obxectivo desta estratexia é crear e reforzas vínculos entre a capital e os municipios que a rodean co fin de articular un espazo metropolitano máis dinámico e mellor articulado que impulse o crecemento social e económico do conxunto da provincia.

O importe total para poñer en marcha esta estratexia ascendería a 18.750.000 euros, dos cales, 3.750.000 serían achegados pola Deputación de Ourense e 15.000.000 euros procederían do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.

A estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado de Ourense parte dunha estratexia de ámbito provincial e fixa a súa zona de intervención nos municipios de Ourense e nos da súa área metropolitana, que conforman o que nesta estratexia denominarase Espazo Metropolitano de Ourense: Amoeiro, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar, Punxín, San Cibrao das Viñas e Toén.

Os municipios que circundan a capital forman unha unidade territorial na que se comparten problemas, desafíos e obxectivos, polo que é preciso desenvolver liñas de actuacións coherentes e centradas no impulso medioambiental, económico e social desta área.