A Xunta de Goberno aproba a expropiación de terreos para as obras de mellora da estrada Bande-Barxés

1Fachada DeputacinA Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou o venres a expropiación de terreos para a realización das obras de mellora na estrada OU-1201 Bande-Barxés. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto e voceira da Deputación de Ourense, Montse Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres, 24 de xullo.

A Xunta de Goberno acordou a ocupación con carácter urxente dos bens e dereitos necesarios para a execución da dita obra de mellora da estrada provincial OU-1201, no municipio de Bande. Para levar a cabo a obra foi necesario realizar a expropiación de 33 parcelas que co-lindan coa propia estrada, todas elas do tipo “Pasteiro secaño”, tendo a menor unha superficie de 3,95 metros cadrados, e a maior 160,77 metros cadrados.

A Xunta de Goberno acordou ter por declarada a utilidade pública das obras mencionadas, e a necesidade de ocupación con carácter urxente dos terreos incluídos na relación de bens e dereitos afectados pola expropiación, de conformidade co previsto na Lei de estradas de Galicia. Asemade, a Xunta de Goberno acordou publicar e notificarlles este acordo aos interesados, de conformidade coa lexislación vixente, e darlle conta do mesmo á comisión informativa competente por razón da materia, na primeira sesión que teña lugar.