A Xunta asina un manifesto cos concellos de Cualedro, Xinzo de Limia, Baltar e Trasmiras para restaurar, prever o abandono e poñer en valor os terreos fronte aos incendios

image_galleryO presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asinou o pasado venres cos alcaldes dos municipios de Cualedro, Xinzo de Limia, Baltar e Trasmiras un manifesto co triplo compromiso de restaurar, prever o abandono e poñer en valor os terreos agrícolas e de monte fronte aos incendios forestais.

O mandatario galego visitou hoxe a zona danada polo lume, xa extinguido, que afectou os concellos de Cualedro, Xinzo de Limia, Trasmiras e Baltar; o incendio forestal de maior extensión rexistrado en Galicia este ano, que queimou 3.180 hectáreas e en cuxas tarefas de extinción participaron tres técnicos e 48 axentes, 94 brigadas e 12 brigadas helitransportadas, 45 motobombas e 8 pas, 19 medios aéreos e seis pelotóns da UME.

Incidir na prevención
Feijóo sinalou que a Xunta está á disposición destes concellos para acometer a restauración dos danos ocasionados, tanto medioambientais como do patrimonio público. Nesta liña, indicou que o Goberno galego, a través da Delegación Territorial de Ourense, e en colaboración cos alcaldes destes 4 municipios, está a traballar para activar unha liña de axuda a aqueles veciños que non poden pastorear porque os seus pastos foron afectados polo lume. Do mesmo xeito destacou que se está valorando facer unha actuación concreta de repoboación das máis de 700 ha de monte arborado que arderon no incendio rexistrado nestas localidades.

En virtude do chamado ‘Manifesto de Cualedro’, asinado hoxe, Feijóo precisou que a Xunta vai seguir colaborando cos concellos para que o estado de conservación dos montes non sexa un agravante para os lumes e conseguir que os perímetros das vilas e aldeas estean limpos. Para iso, dixo, continuará apoiando os municipios para adoptar medidas que leven os propietarios a limpar os seus predios.

Froito desa colaboración entre Xunta e concellos, lembrou, son as brigadas municipais de prevención e extinción de incendios, que realizan labores de limpeza en vías, camiños forestais e devasas, e das que a provincia de Ourense dispón de 93 das 287 aprobadas para toda Galicia.

Poñer en valor os terreos agrarios
Feijóo referiuse á Lei de mellora da estrutura territorial agraria e á Lei de mobilidade de terras para destacar outra das liñas de acción a seguir, que será a posta en valor dos terreos. Así, de acordo á normativa, apuntou que se declararán perímetros abandonados aqueles terreos agrarios que poidan supoñer risco de incendios forestais pola inexistente xestión da biomasa ou ben polas reiteradas neglixencias no uso do lume. Tamén, aqueles terreos que fosen obxecto de incendios co conseguinte perigo para as áreas habitadas próximas. E, finalmente, aqueles que teñan demanda de terra por parte de explotacións agrarias xa existentes nesas zonas ou para novas iniciativas de explotacións agrogandeiras.

Segundo concretou, os titulares deses terreos deberán optar entre traballalos, arrendalos de forma privada a terceiros que os traballen ou ser incorporados ao Banco de Terras. De non optar por ningunha destas tres vías, poderán ser sancionados baseándose na Lei de mobilidade de terras.

Recuperar o solo queimado
Sobre as actuacións que se van seguir para a recuperación dos terreos queimados, explicou que van encamiñadas a mellorar a planificación, a restauración dos solos e a loita contra a erosión. Así, sinalou que se identificarán e se cartografiarán os lugares con solos que presentan maior risco de erosión, en función da intensidade do lume e da pendente. E, de seguido, definiranse as técnicas correctoras que se van aplicar, prestando especial atención ás beiras dos regatos para evitar achegas de cinzas por arrastre pluvial.

Neste punto, o mandatario galego lembrou que en 2013 a Xunta destinou máis de 500.000 euros a estas tarefas en zonas de protección ambiental, e que se empregou a técnica do acolchado de palla en máis de 172 hectáreas en 10 localizacións diferentes.

A intencionalidade
Feijóo incidiu, ademais, en que a principal causa dos lumes é a intencionalidade e, ao respecto, destacou que a Policía Autonómica leva detido no que vai de campaña antiincendios 57 persoas, e que a reforma do Código Penal recolle xa, nos supostos máis graves, penas de prisión de tres a seis anos para os incendiarios.

O presidente da Xunta concluíu asegurando que se trata dun problema que require da responsabilidade de todos e da unidade das forzas políticas e das administracións porque está en xogo, dixo, o patrimonio natural da Comunidade.

También te podría gustar...