A Xunta aposta polo aforro e a eficiencia enerxética para reducir o consumo en empresas e fogares

Xornada renovables

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou onte a mañá na inauguración da IX  Xornada sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética que se desenvolve en Expourense.  Martínez lembrou que a rendibilidade de implantar sistemas de enerxía renovable non é só económica, senón medioambiental, polo que a a súa aposta beneficia a toda a sociedade.

O delegado territorial apuntou á eficiencia enerxética e ao impulso das fontes renovables como «dous dos piares básicos da actuación en política enerxética do Goberno da Xunta». Así mesmo, o representante do Goberno autonómico indicou que estas xornadas se presentan como o foro idóneo para dar a coñecer as posibilidades que ofrecen as enerxías renovables de cara á eficiencia enerxética, que é tamén «unha aposta decidida da Xunta”. Neste sentido,  Martínez destacou a aposta pola biomasa do Goberno galego, plasmada no desenvolvemento dunha Estratexia de Impulso á Biomasa que prevé unha mobilización de 450 millóns de euros en investimentos ata o ano 2020.

O máximo representante da Xunta en Ourense recordou que “a eficiencia enerxética é unha redución do gasto constante no tempo que mellorará o noso posicionamento económico, a competitividade da nosa economía e o abaratamento dos custos de produción de todo aquilo que se faga na nosa comunidade, sen esquecer que tamén supón un aforro para o consumidor final”. Neste sentido, Rogelio Martínez resaltou que xera máis do 10% de toda a enerxía en España e máis do 20% da de orixe renovable. Ademais, Galicia foi a primeira comunidade española en facilitar a creación de clusters vencellados ás renovables como é o caso de Acluxega, de xeotermia ou Cruergal, de enerxías renovables. “Isto implica o compromiso non só con este tipo de enerxías senón coas empresas que apostan por elas”, indicou.

xornada renovables1

 

Así mesmo, a Xunta de Galicia ten en marcha o Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética nas Vivendas Galegas que busca “mellorar pautas de consumo e contribuír á diminución da factura enerxética das familias, que representan o 14% do consumo enerxético na nosa comunidade” asegurou Martínez. O novo plan chegará este ano a 2.800 fogares galegos e permitirá acadar un aforro económico de 3 millóns de euros ao ano, evitándose a emisión á atmosfera de máis de 10.000 toneladas de CO.

Martínez mencionou que “o éxito que acadan estas xornadas indícanos que é un tema de plena actualidade e que os profesionais do sector teñen interese por ampliar a formación neste eido”.

A xuntanza reuniu en Expourense a varios dos líderes mundiais nestas materias, achegados de Alemaña, Holanda, Suecia  e Suíza, que presentarán experiencias pioneiras na investigación xeotérmica e na construción de edificios de consumo case cero. Ao mesmo tempo desenvolveuse unha presentación das iniciativas e liñas de axudas ás empresas do sector tanto do Igape como da Axencia Galega de Innovación,GAIN. Esta xornada contou coa colaboración do Igape e a asesoría da empresa ourensá de investigación xeotérmica INGEO.

 

 

También te podría gustar...