A Xunta adxudica por máis de 721.000 euros a renovación de infraestruturas de abastecemento e saneamento no concello da Rúa

alcalde ruaA Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) a adxudicación da primeira fase da renovación de infraestruturas de abastecemento e saneamento no Concello da Rúa, concretamente nas rúas A Noria, Progreso, Felgar, Aranaveca e rúa do Campo.

Estas actuacións, que mellorarán a calidade de vida dos 4.695 habitantes desta zona, foron adxudicadas á empresa Petrolam A Veiga por un importe económico de 721.580 euros.

O Concello da Rúa dispón na actualidade de parte da rede de abastecemento renovada, pero hai rúas en que a rede é de fibrocemento, de pouca sección, que provoca numerosas avarías e continuos cortes de subministración.

Na rúa da Noria procederase a desmontar a instalación de bombeo, dotala de válvulas novas, carretes pasamuros, ancoraxes e reinstalación de bombas existentes, e protexela cunha caldeira antiariete. Executarase unha nova rede de impulsión desde a estación de bombeo ata os depósitos xerais en tubaxe de fundición de diámetro 200 mm. A rede de distribución executarase en tubaxe de PVC, desde a cámara de conexión que se vai executar no exterior dos depósitos, ata a conexión coas redes existentes na rúa do Progreso (dúas conexións) e na rúa Circunvalación. Este trazado substitúe a actual tubaxe de fibrocemento.

Nas rúas Progreso, Felgar e Arnaveca tamén se substituirá a actual tubaxe de fibrocemento e executarase unha nova rede de distribución en alta en PVC. Na rúa do Campo proxectarase unha nova rede de distribución en alta en PVC.

A colaboración técnico-financeira da Comunidade Autónoma de Galicia con entidades locais en materia de obras hidráulicas correspóndelle á Administración hidráulica de Galicia e regulábase polo Decreto 84/1997, do 10 de abril, derrogado actualmente polo Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de Augas de Galicia, en materia de execución e explotación de infraestruturas hidráulicas, e no que se establece a regulación urxente do procedemento de colaboración.

También te podría gustar...