evega_equipamentoA Consellería do Medio Rural e do Mar convocará proximamente unha orde de axudas para os produtores que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) para Galicia. Estas axudas van dirixidas aos produtores primarios inscritos en denominacións de calidade, mediante a contribución ao financiamento dos custes fixos que esta participación ocasiona. A Xunta destinará a esta convocatoria un total de 800.000 euros, para unha axuda cuxa contía poderá chegar ao 100% dos gastos realizados, cun teito establecido.

Así o lembrou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, no transcurso da clausura da VI edición do Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade – Vinis Terrae, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, entre outras autoridades.

Este salón pon de manifesto a aposta pola calidade que realizan os viticultores e adegueiros galegos; mentres que a futura orde reflexa o apoio da Xunta para este sector, que con este tipo de achegas e outras como as destinadas á promoción no mercado europeo para produtos de calidade, se veñen de resolver axudas por un importe total de 2,2 millóns de euros.

No que respecta á exportación é importante destacar a estratexia avanzada a pasada semana polo presidente da Xunta, pola cal o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) impulsará un plan de promoción internacional dos viños de Galicia durante os dous próximos anos. Unha iniciativa na que interveñen as denominacións de orixe vitivinícolas da Comunidade.

Web da Evega

Por outra parte, Rosa Quintana participou esta mañá na presentación da nova páxina web da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), que está dispoñible no enderezo http://evega.xunta.gal/.

A conselleira destacou que este espazo en internet enmárcase na modernidade e na actualidade e que constitúe unha plataforma para interactuar cos axentes do sector, sendo tamén un punto de formación e información en materias de viticultura e enoloxía. Valorou ademais que cun simple “clic” a través desta web pódense consultar todas as novas sobre o sector e as actividades da Evega, tales como liñas de investigación, información de proxectos nos que participa o Centro ou cales son os programas auspiciados polos Fondos Europeos. Rosa Quintana salientou tamén que con este espazo na rede da Evega “poderemos estar ao día no tocante a cursos, xornadas e seminarios desenvoltos ao abeiro do Plan Galego de Transferencia Tecnolóxica”.

Sobre a importancia desta web, a conselleira indicou que “só investindo no futuro, sen esquecer nunca as raíces que nos son propias, poderemos gañar o presente, e conseguiremos competir en calidade diferenciada e, desde hoxe, en nivel de igualdade tecnolóxica, co mercado exterior tanto nacional como internacional”.