A “Vuelta a España” sairá de Ourense por primeira vez na historia

  • Manuel Baltar e Javier Guillén anunciaron en Medina del Campo que a 71ª edición da proba ciclista terá como punto de partida a provincia de Ourense, na que se disputará a primeira etapa
  • O presidente da Deputación destaca “o gran impacto promocional e económico que suporá ser o comezo deste evento, con máis de dúas mil persoas integrando o dispositivo dunha das probas ciclistas máis destacadas do calendario internacional”
  • “A repercusión mediática da “Vuelta” contribuirá a potenciar a singularidade de que a provincia de Ourense é un dos destinos termais máis importantes do mundo”, afirma o presidente do goberno provincial

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, e o director da “Vuelta a España”, Javier Guillén, anunciaron hoxe en Medina del Campo que a 71ª Edición da “Vuelta”, que se celebrará o vindeiro verán de 2016, sairá por primeira vez na historia da provincia de Ourense. O feito de ser o punto de partida, acollendo a primeira etapa deste evento ciclista, foi cualificado como “unha excelente noticia” polo presidente do goberno provincial, quen destacou “o gran impacto promocional e económico que suporá que a “Vuelta” comece na provincia de Ourense, con máis de dúas mil persoas integrando o dispositivo dunha das probas ciclistas máis importantes do mundo”. Manuel Baltar considera que a nosa provincia “será un magnífico escaparate para difundir toda a nosa riqueza natural, artística, histórica e turística, con enclaves tan singulares como a Ribeira Sacra”.

Nava Castro, Manuel Baltar e Javier Guillén

“A importante repercusión mediática da “Vuelta” contribuirá a destacar a singularidade de que a provincia de Ourense é un dos destinos termais máis importantes do mundo”, afirmou o presidente do goberno provincial, quen subliñou o ámbito internacional que acada o termalismo na nosa provincia –centro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal- e os aspectos técnicos, paisaxísticos e de infraestruturas termais “que fan de Ourense un dos territorios do mundo con mellores condicións para actividades turísticas, de lecer e terapéuticas neste eido, fortalecido todo elo polo Plan “Ourense, a provincia termal” que lle dará a este sector estratéxico o impulso necesario para converter aínda máis ao termalismo nun dos grandes motores da economía ourensá”. Baltar expresou que é moi importante “que toda a rede de balnearios sexa fundamental neste paso da Vuelta por Galicia».

Os organizadores estiman que o impacto dunha etapa da “Vuelta” sitúase ao redor de 350.000 euros, contando os ingresos directos en hostalería e combustible, entre outros, aos que hai que engadir a repercusión mediática e promocional en todo o mundo (chega a 178 países). A isto súmase o importante número de persoas acreditadas para seguir a “Vuelta” que, incluíndo aos xornalistas nacionais e internacionais, son ao redor dunhas mil, aínda que a caravana completa, que abrangue equipos, seguridade, organización e prensa, está formada por unhas 2.500 persoas.

Javier Guillén dixo: “Agardamos que a Vuelta siga co éxito deportivo de ata o de agora. Fai catro ou cinco anos tivo un importante reencontro con Galicia, un dos territorios que máis nos ten dado en cuestión de percorridos e agarimo”.

Nava Castro dixo estar “moi satisfeita e contenta coa saída da Vuelta de Ourense “un escaparate que nos serve para aumentar o turismo, algo que xa temos notado nos últimos anos”.

También te podría gustar...