A Viaxe dos Chévere, Quico Cadaval e Narf esta semana no TLO

11693837_494150004077245_6691070546354966779_n


Unha película documental, un espectáculo de narración oral e un concerto acústico, son as tres propostas desta semana no ciclo «De Perto -outros espazos para a cultura» que organiza a concellaría de Cultura do Barco.

O III ciclo De Perto ofrece esta semana a película de Alfonso Zarauza A viaxe dos Chévere (Xardín da Casa Grande de Viloira, martes 7 xullo, 22h30), o espectáculo Obras Escollidas de Quico Cadaval (mércores 8 xullo, 22h30) e un concerto de Fran Pérez «Narf»(venres 10 xullo, 22h30) os dous no mesmo escenario: as beira do Sil, no Malecón, fronte ao Teatro Lauro Olmo.

«A viaxe dos Chévere» de Alfonso Zarauza, é un documental de 55 minutos no que se conta o traballo e a vida dun dos grupos de teatro máis coñecidos e recoñecidos de Galicia e en particular como foron desterrados da súa cidade por un alcalde corrupto. A irracionalidade do poder e a cordura da arte fanse presentes nesta historia sobre o grupo Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014).

Quico Cadaval (Ribeira, 1960), é todo un fenómeno da escena galega. Dramaturgo, director e actor, presenta un espectáculo de narración oral que se leva transformando nos últimos quince anos acomodándose ás circustancias ambientais, inclemencias do clima, ás experiencias persoais do artista e aos terrores mais íntimos do público. O espectáculo criase a partir de historias da tradición oral que se deformaron pouco a pouco, na xira mundial inacabada na que Quico Cadaval traslada aos públicos dos catro continentes as histórias da sua terra natal para comprobar se son universais. Quico Cadaval paseou os seus fantasmas por festivais tan importantes como o de Bucaramanga en Colombia, Déjame que te Cuente, en Lima, Festival de Teatro de Almada, en Portugal, Festival Iberoamericano de Teatro de Bogotá, A Feira do Libro da Habana, A leitura de El Quijote no Círculo de Bellas Artes de Madrid en España, Maratón dos Contos de Guadalajara, tamén en España, na Fundaçao Gulbenkian en Paris, en prestixiosas universidades de Alemaña, Polonia e Portugal, e tamén na de Santiago. Polas súas historias transitan espectros, valentes, milagreiros, peixeiras, mariñeiros, mitos do rock, líderes relixiosos, taberneiras, reis, golpistas, presos, adiviños, sicarios, prostitutas, axentes da orde, industriais, cantores melódicos, gandeiros, mais non é seguro que se aparezan todos.

O cantante e compositor Fran Pérez «NARF» (Silleda, 1968) presentou a súa música en festivais internacionais como o Mercado Cultural de Salvador de Bahía, Câmbio Sonoro (Recife), Antídoto (São Paulo), varias edicións do Festival d’Agosto (Maputo), Festival de Mindelo, ou Cantos na maré (Pontevedra). Tamén noutros ámbitos como Bafim (Bos Aires), London City Festival (Londres) ou Liet Lavlut (Östersund), onde acadou o segundo posto no concurso da canción en linguas minorizadas europeas. Levou tamén a súa música a palcos de Porto Alegre, Niterói, Río de Xaneiro, Guinea-Bisau, Varsovia, Nova Deli, Katmandu,Brighton, Barcelona, Sevilla, Cracovia ou Newcastle. Foi membro de grupos como Psicofónica de Conxo, Os Quinindiolas ou Nicho Varullo. Compuxo máis dunha trintena de bandas sonoras para producións teatrais de diferentes compañías en Galicia e Portugal, como Salomé ou A boa persoa de Sezuán, co Centro Dramático Galego. No mundo do audiovisual, destaca a súa participación como compositor no filme de animación para nenos O labirinto dos soños, con texto e dirección de Pepe Sendón, ademais de diversos traballos no ámbito dos documentais, como Galicia Une.Foi un dos catro fundadores da Sala Nasa en 1992, compoñendo, entre outros labores, cancións para a Banda da Nasa até 1998, ano en que abandona o proxecto. Alén disto, ten participado como actor nalgunhas montaxes teatrais, orixinalmente como membro da compañía Chévere (Máquina total, Annus Horribilis e outros).