A Ruta dos Faros e da Ribeira Sacra dos trens turísticos de Turismo de Galicia realizan a súa primeira viaxe esta fin de semana

Trens turísticos de Galicia‘Galicia, a todo tren’, o programa de trens turísticos que Turismo de Galicia pon en marcha un ano máis, inicia a súa andaina esta fin de semana na Ruta dos Faros e na Ruta do Viño da Ribeira Sacra.

Deste xeito, hoxe os viaxeiros do tren da Ruta dos Faros partiron ás 9:10h dende a estación de Ferrol e chegarán a esta mesma estación ás 22:57 h, despois de pasar unha xornada recorrendo os faros máis senlleiros do norte de Galicia.

Así, o tren da Ruta dos Faros levará aos seus pasaxeiros a emprazamentos tan singulares como o Cabo Ortegal, o miradoiro de Vixía Herbeira, sobre un dos cantís máis altos de Europa; o santuario de Santo André de Teixido, o cabo Estaca de Bares, o pobo mariñeiro de O Barqueiro, Ribadeo, a Illa Pancha, ou a praia das Catedrais.

Por outra parte, mañá, domingo 14 de xuño, partirá por primeira vez neste ano, o tren da Ribeira Sacra.

Este tren das Rutas dos Viños de Galicia partirá ás 9.40 horas da estación de Ourense e os viaxeiros chegarán a esta mesma estación ás 20.58 horas, logo de pasar unha xornada nos territorios da Denominación de Orixe Protexida Ribeira Sacra.

Así, percorrerán a zona da Ribeira Sacra no tren motorizado Aba Sacra e visitarán a adega Regina Viarum da D.O.P. Ribeira Sacra.

Máis tarde, viaxarán en autobús ata Monforte de Lemos, onde visitarán o Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra.

Tras a estadía en Monforte de Lemos, os viaxeiros partirán en autobús a Santo Estevo de Ribas de Sil para coller o catamarán turístico e facer un cruceiro polo encoro. Así mesmo, visitarán o mosteiro de Santo Estevo e disfrutarán dunha auténtica queimada galega.

Para finalizar, os viaxeiros visitarán a estación de Os Peares e o seu entorno, así como, a Aula ferroviaria.

Terceira edición Esta iniciativa innovadora proporciona ao viaxeiro un novo modo de descubrir algúns dos recursos turísticos máis singulares de Galicia.

Nesta terceira edición, ‘Galicia a todo tren’ continúa ofrecendo sete rutas que permiten descubrir as diferentes zonas de Galicia con variadas temáticas: a Ruta dos Faros, a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e as cinco Rutas do Viño que recorrerán os distintos territorios onde se producen as denominacións vitivinícolas galegas: Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras.

O tren da Ruta das Rías Baixas fará a súa viaxe inaugural o próximo domingo 21 de xuño, o da Ruta de Valdeorras o domingo 28 de xuño, o tren da Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e do Ribeiro o sábado 11 de xullo, e por último, o de Monterrei comezará o sábado 18 de xullo.

Estes sete itinerarios estarán constituídos por 57 trens que ofertarán os sábados e domingos dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro un total de 2.524 prazas, 74 prazas máis que o pasado año.

Tren do Peregrino Como principal novidade desta edición, incorporase ao programa o Tren do Peregrino que posibilita a realización do Camiño de Santiago desde Madrid dunha maneira diferente, a bordo dun cómodo Tren Hotel no que os pasaxeiros disporán de aloxamento na Cabina Gran Clase e restauración no propio convoi.

As saídas deste Tren do Peregrino terán lugar os días 6, 13, 20 e 27 de agosto e realizarán percorrido Madrid – Astorga – Ponferrada – Monforte de Lemos – Ourense – Santiago – Madrid.

También te podría gustar...