A Rúa, O Barco de Valdeorras e Rubiá no Plan de mellora de bibliotecas escolares

  • O Plan de mellora de bibliotecas escolares chega este curso a 615 centros educativos
  • A Consellería financia, con máis de 1,2 millóns de euros, a adquisición de novos fondos documentais, a dotación de mobiliario e equipamento e gastos de funcionamento destes espazos de lectura e de traballo coa información

 

Valdeorras:

  • CEIP Manuel Respino Rúa (A): 1.200 €
  • IES Cosme López Rodríguez Rúa (A): 1.800 €
  • CEIP Condesa de Fenosa Barco de Valdeorras (O): 2.000 €
  • CEIP Julio Gurriarán Canalejas Barco de Valdeorras (O): 1.700 €
  • IES Lauro Olmo Barco de Valdeorras (O): 1.475 €
  • IES Martaguisela Barco de Valdeorras (O): 1.200 €
  • CEIP Virxe do Camiño Rubiá: 900 €

 

Colexio Julio Gurriarán de O Barco

Colexio Julio Gurriarán de O Barco

O Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) en centros non universitarios sostidos con fondos públicos chegará este curso 2016/17 a un total de 615 centros. Así se desprende da resolución da convocatoria deste ano, na que se amplía a lista con 48 novas incorporacións, 38 centros públicos e, os outros 10, concertados. De feito, esta é unha das novidades da convocatoria, posto que por primeira vez, o PLAMBE tamén estará presente nos centros con concerto educativo.

En concreto, a iniciativa esténdese este curso a 23 novos centros da provincia da Coruña, 3 da de Lugo, 5 da de Ourense e 17 da provincia de Pontevedra. Os detalles da resolución poden consultarse na páxina web da Consellería, no seguinte enlace.

Ao abeiro do PLAMBE, a Consellería de Cultura e Educación financia, con máis de 1,2 millóns de euros, a adquisición de novos fondos documentais, a dotación de mobiliario e equipamento e gastos de funcionamento destes espazos. De feito, no caso dos centros de nova incorporación, as axudas irán destinadas precisamente a estes eidos.

Por outro lado, con respecto aos centros integrados no programa con anterioridade ao ano 2014, estes recibirán asignacións para a incorporación de novos fondos á colección da biblioteca; mentres que os centros que se sumaron na convocatoria do ano pasado poderán recibir, a maiores, financiamento para adquisición de mobiliario e dotación ou renovación de equipamentos básicos, así como para gastos de funcionamento específicos.

Mellora da calidade nos procesos de aprendizaxe e ensino

Con esta iniciativa, a Consellería de Cultura e Educación reafirma a súa aposta pola mellora e modernización do sistema educativo a través da biblioteca escolar entendida como un elemento estratéxico de innovación pedagóxica. Unha biblioteca escolar activa e renovada contribúe a ampliar a calidade dos procesos de aprendizaxe e de ensino e resulta un instrumento importante tanto para o profesorado como para o alumnado na consecución do éxito escolar.

A este obxectivo responde o PLAMBE, enmarcado no Plan LÍA de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe (actualmente estase desenvolvendo a segunda fase deste plan), xa que busca poñer en valor a importancia da biblioteca escolar dentro dos centros de ensino, posto que se trata de espazos onde o alumnado consolida o seu hábito lector ao mesmo tempo que adquire outras competencias clave. Tamén serven de canle para a integración das tecnoloxías da información e da comunicación nos diferentes centros, ofrecendo a posibilidade dun acceso igualitario aos bens culturais; e favorecen a alfabetización múltiple, entendida como a “comprensión, utilización e avaliación crítica de diferentes formas de información, incluídos os textos e imaxes, escritos, impresos ou en versión electrónica”, segundo o establecido no documento do Consello da Unión Europea do 26 de novembro de 2012.

Datos de resultado

Segundo as cifras do curso 2015/2016, no 94% dos centros PLAMBE, o alumnado fai uso cotián da biblioteca para potenciar a súa aprendizaxe. Ademais, no 93% están integradas as TICs nas diferentes actividades, no 86% dedícase un tempo específico para a lectura en horario lectivo (denominado ‘hora de ler’) e no 80% promóvense proxectos de innovación educativa.

A maiores, estes espazos fomentan a implicación das familias. De feito, o 47% das bibliotecas con PLAMBE organizan actividades destinadas especificamente ás familias do alumnado, mentres no 58%, os familiares colaboran directamente en iniciativas da propia biblioteca.

 

 

También te podría gustar...