A Rede de Bibliotecas de Galicia súmase á celebración das Letras Galegas con múltiples propostas para a fin de semana

image_gallery

 

A Rede de Bibliotecas de Galicia ofrece esta fin de semana unha programación especial co gallo da celebración das Letras Galegas, que este ano lle dedica a Real Academia Galega ao escritor, historiador e investigador pontevedrés Xosé Filgueira Valverde. O programa ‘Ler conta moito’ da Secretaría Xeral de Cultura súmase a esta celebración cun total de 51 actividades de dinamización da lectura, que chegarán desde o hoxe e ata o domingo a bibliotecas e axencias de lectura de toda Galicia.

A figura do homenaxeado será protagonista coas actividades ‘Imos xogar con Xosé Filgueira Valverde’, a cargo de Eduvia e dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, e ‘Filgueira Valverde con maxia e música’, para mozos e adultos. Na primeira das propostas, a través dun xogo que inclúe música, teatro e danza, os máis pequenos achegaranse ao Día das Letras Galegas e ás autoras e autores homenaxeados, cunha especial atención ao escritor pontevedrés. A actividade chegará hoxe, 15 de maio, ás bibliotecas públicas municipais de Pazos de Borbén, de Rodeiro e de Silleda, e á Biblioteca Pública de Lugo; o sábado día 16 realizarase na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés e na Biblioteca Pública de Ourense, mentres que o domingo se desenvolverá na Axencia de Lectura Municipal (A.L.M.) Os Tilos, en Teo, e mais na Biblioteca Pública Municipal (B.P.M.) de Ribadavia.

En ‘Filgueira Valverde con maxia e música’, Álvaro Muras propón un percorrido guionizado de música e maxia pola vida e a obra do profesor pontevedrés. Un espectáculo con fondo musical e ilusións que navegan nos ensaios, na narrativa e na poesía, e que inclúe diversas sorpresas para coñecer a traxectoria do autor.