A Ponte Maior, a monografía que «é a homenaxe a un dos sinais de identidade máis importantes da nosa provincia»

  • A Ponte Maior, a monografía máis completa sobre a Ponte Vella de Ourense
  • A obra, editada pola Deputación de Ourense, «é a homenaxe a un dos sinais de identidade máis importantes da nosa provincia», afirma Manuel Baltar
Presentacin A Ponte Maior

Presentacin A Ponte Maior

 

A obra A Ponte Maior, de Juan Carlos Rivas, presentada onte no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», é a monografía máis completa sobre a Ponte Vella de Ourense, «e coa que facemos unha homenaxe a un dos sinais de identidade máis importantes da nosa provincia», explicou na presentación o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. No acto, estivo acompañado polo autor da obra e polo arquiveiro da catedral, Miguel Ángel González.

Manuel Baltar destacou que esta publicación «é a obra máis coidada que ten editado o goberno provincial nos últimos tempos. Foi con diferenza a mellor valorada polo Consello de Publicacións, e nela faise un recoñecemento a esta xoia arquitectónica da provincia de Ourense». Baltar asegurou que a Ponte Maior «é unha das obras máis importantes da arquitectura civil de Galicia, e fai que a cidadanía ourensá se sinta perfectamente representada, porque é a imaxe e o símbolo da nosa provincia, como así figura no seu escudo», e engadiu que como toda ponte «une, ao igual que o fai o Congreso do PEN Internacional que reunirá proximamente en Ourense a máis de 250 escritores de todo o mundo, cuxo lema é «Erguendo pontes literarias».

Manuel Baltar tivo palabras de agradecemento «polo importante traballo que realizou Juan Carlos Rivas nesta obra», e destacou a súa gran paixón «que se palpa en cada unha das páxinas deste libro, ao que hai que engadir o seu amor pola historia e a súa implicación e compromiso por Ourense».

Miguel Ángel González afirmou que o libro «fai un repaso cronolóxico pola historia da ponte» e sinalou que o libro «hónranos a todos, porque os que vivimos nesta cidade sabemos que a ponte forma parte das nosas vidas».

Autoría: Toni Álvarez

Autoría: Toni Álvarez

Pola súa banda, o autor explicou que a edición é o resultado de máis de seis anos de traballo «porque era a materia pendente que tiña como ourensán e como investigador. A historia da ponte sempre me atraeu e estiven investigando sobre ela moitos anos». Rivas afirma que na obra recuperou «unha memoria histórica que os ourensáns esqueceramos practicamente», citando como exemplo a canle artificial do Barbaña, «que lle daba a razón de ser á Ponte Pequena, e de aí vén o nome da Ponte Maior». Ademais no libro móstrase que a ponte «tiña moito máis do romano do que se cre; calculo que dúas quintas partes da ponte aínda conservan o romano», sinalou Juan Carlos Rivas. O autor contou diferentes anécdotas vinculadas á historia da ponte e afirmou que o libro inclúe, ademais da historia da ponte, un cd con 70 documentos, dende a Idade Media ata hoxe.


También te podría gustar...