A MIT de Ribadavia ofrece «múltiples lecturas» para analizar a actualidade social e cultural a través do teatro

1 1 1 1 1 1 1 MB e MIT 2015

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez; o director de Agadic, Jacobo Sutil, e o director do certame, Roberto Pascual, presentou onte no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» a 31ª edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, un evento que contará a partires de agora coa Deputación de Ourense como co-organizadora da Mostra, xunto co Concello de Ribadavia, «para dar estabilidade ao apoio do goberno provincial a este evento singular e independente, froito do traballo de moita xente e no que destaca a súa creatividade, innovación e internacionalidade», afirmou Manuel Baltar.

«Todo o que se faga pola MIT é pouco», expresou o presidente provincial engandido: «Por iso o goberno provincial incorpórase á co-organización subscribindo un convenio co concello -35.000 euros anuais-, abrindo así unha nova etapa de colaboración a prol da cultura e en favor dun evento que goza do beneplácito de todas as administracións e, o máis importante, dos parabéns do público que ano tras ano enche os espectáculos que ofrece a MIT».

Pol súa banda, Ignacio Gómez expresou o agradecemento do Concello de Ribadavia á Deputación de Ourense pola sinatura dun convenio «a prol dun evento que é referente do teatro en Galicia e no que cada ano se poden ver as mellores obras». O alcalde de Ribadavia convidou ao público a asistir á MIT do 18 ao 25 de xullo «para gozar do teatro e da nosa vila».

Jacobo Sutil destacou tamén o apoio da Xunta de Galicia, a través de Agadic, á Mostra, e Roberto Pascual dixo que a MIT «ofrece múltiples lecturas para analizar a actualidade social e cultural», engadindo que este festival «é un motor económico para Ribadavia, pois cada ano danse cita na vila máis de 100 artistas e máis de 15.000 visitantes, convertendo á capital do Ribeiro na capital teatral de Galicia».

Preto de vinte compañías pisarán as táboas do Auditorio do Castelo, do Club Artístico, da Praza Maior, da Casa da Cultura e doutros enclaves convertidos en recintos teatrais para achegar as máis destacadas estreas da dramaturxia nacional e internacional, con compañías de Galicia, Cataluña, Madrid, Castela-León, Francia, Alemaña, Austria, Bélxica, Suiza, Italia, Portugal e Chile.

A cita, do 18 ao 25 de xullo na vila de Ribadavia.

También te podría gustar...