A ‘Marca Ourense’ como liña estratéxica de competitividade e innovación

  • Baltar defende no Círculo de Empresarios de Galicia a «marca Ourense» como liña estratéxica de competitividade e innovación
  • O presidente da Deputación de Ourense protagonizou un xantar-coloquio con empresarios, no que remarcou a importancia da cooperación público-privada «para desenvolver proxectos innovadores, creativos e de vangarda, que fagan atractivas as singularidades do ámbito local para xerar unha atracción internacional»
  • Na súa intervención diante dos empresarios explicou «o valor engadido» e a «repercusión internacional» que están a ter iniciativas impulsadas desde Ourense nos ámbitos do deporte, o termalismo, a cultura, a tecnoloxía e a creatividade, «explotando as nosas singularidades como provincia e favorecendo unha actitude optimista para levalas a cabo»

0 0 0 0 MB e Cir Emp 1

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, defendeu onte no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, a importancia da «marca Ourense» como liña estratéxica de competitividade e innovación, destacando que debemos actuar «cunha visión global de provincia e co noso carácter emprendedor, para destacar as nosas singularidades e sermos máis competitivos nos mercados, e niso a cooperación público-privada ten moito que dicir». Neste sentido, no xantar-coloquio que protagonizou con empresarios, o presidente da Deputación de Ourense remarcou a importancia da cooperación entre as administracións públicas e o sector privado «para desenvolver conxuntamente proxectos innovadores, creativos e de vangarda, que fagan atractivas as singularidades do ámbito local para xerar atracción internacional».

Nesta liña, Baltar, que foi presentado polo presidente do Círculo de Empresarios, Juan Güell, comentou a importancia de iniciativas de éxito como a modernización das infraestruturas na estación de montaña de Galicia, situada en Cabeza de Manzaneda; o «retorno económico mínimo» de dous millóns de euros que a «Vuelta a España» deixará na provincia de Ourense en a penas dez días; ou a proxección internacional do termalismo deportivo de Ourense, «que fai que se acheguen á nosa provincia seleccións nacionais de remo de países como Australia, Holanda, Bielorrusia ou Francia para adestrar no Centro de Adestramento de Remo de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño.

Ademais, Baltar explicou «o valor engadido» e a «repercusión internacional» que están a ter iniciativas impulsadas desde Ourense nos ámbitos da cultura, a tecnoloxía e a creatividade «explotando as nosas singularidades como provincia e favorecendo, como filosofía, unha actitude optimista para levalas a cabo, afastada do vitimismo no que algúns están instalados permanentemente, pois a nosa fortaleza está en crer o que facemos e en por que o facemos: en definitiva, crer en Ourense».

Ourense, o destino termal máis importante de Europa

Precisamente, no que atinxe ao ámbito termal, Manuel Baltar destacou as importantes posibilidades empresariais que o turismo de ocio e saúde presenta na provincia de Ourense. «Somos o territorio termal máis importante de Europa, algo que estamos a potenciar combinando tecnoloxía e tradición, pois puxemos en marcha, xunto co Ministerio de Fomento, a primeira iniciativa informática que xa permite a usuarios de máis de 40 cidades españolas xestionar a súa reserva nos balnearios da provincia de Ourense en cuestión de minutos a través de calquera ordenador ou dispositivo smartphone, para que, unha vez confirmada se poña en marcha o operativo de traslado que o levará en tren desde a súa cidade ata o balneario que elixa». «Cremos no potencial do noso termalismo –subliñou Baltar- porque é un eixo fundamental para o desenvolvemento da provincia de Ourense».

Precisamente, nesa conxunción entre vangarda e tradición Manuel Baltar enmarca o seu proxecto de «Provincia Intelixente», «baseado na creación dunha plataforma común de software e unha zona de servizos conectados, que ofrezan aos cidadáns información común e en tempo real de todos os ámbitos: medio ambiente, infraestruturas, economía, emprendemento, benestar, cultura, deporte e información institucional, de cooperación cos concellos, recursos humanos e proxección exterior. Todo un concepto de interconexión territorial que conformará o que denominamos «Smart Ourense», explicou.

«A finalidade –expresou o presidente- é o posicionamento internacional da «marca Ourense», a promoción das singularidades da provincia, e un modelo de xestión pública baseado en iniciativas innovadoras e participativas, que facilitan a relación administración-cidadán. Esa é a base do proxecto «Smart Province», que terá as súas liñas de acción na cooperación público-privada e na transparencia».

Neste sentido, dixo que a promoción da dita «marca Ourense» ten tamén un referente na misión empresarial USA-Ourense, que Manuel Baltar está a promover para que empresarios ourensáns poidan establecer canles de negocio con compañías de Estados Unidos, misión que será unha realidade nas próximas semanas. E tamén destacou a presenza da Deputación de Ourense en «Partenalia», a rede máis importante de gobernos locais intermedios de Europa, para impulsar proxectos que melloren os servizos que se prestan a cidadáns e concellos.

0 0 0 0 MB e Cir Emp 2

 

«Provincia Intelixente»

A isto, Baltar engadiu o feito de que o goberno provincial de Ourense forme parte da Xunta de Goberno da FEMP, e tamén o que supón organizar a Semana das Industrias Culturais e Creativas (Ourense ICC Week); ser unha provincia  de referencia en innovación na xestión xunto a territorios como Bos Aires e Toronto, como se puxo de manifesto no encontro internacional de Curitiba (Brasil), «onde a iniciativa de «Provincia Intelixente» concitou interese no ámbito da innovación na xestión da administración pública, o que nos sitúa como un territorio favorable e permeable para levar a cabo proxectos de vangarda na innovación, como acontece en lugares que son referencia neste ámbito como Israel, Irlanda ou os Landers alemás», afirmou Manuel Baltar.

«Neste momento xa non hai distancias entre territorios –comentou Baltar-. As posibilidades que nos ofrecen as tecnoloxías da comunicación, e os pasos que daremos nun futuro, que xa é presente, fan que dispoñamos de moita máis información do noso entorno máis próximo. En Ourense estamos a traballar xa en proxectos de información cidadá referidos á xestión do tráfico, os aparcadoiros, o transporte público, as emerxencias, a xestión dos residuos, os servizos culturais e deportivos e os trámites administrativos, iniciativas que nos sitúan como provincia de vangarda porque defendemos que ás veciñas e veciños deben ter toda a información que precisen con inmediatez, comodidade e eficacia. E estes son proxectos que nos achegan competitividade e que temos que desenvolver tamén co apoio da iniciativa privada».

Manuel Baltar defende que en Ourense danse as condicións idóneas para acadar este obxectivo que el define de «comunicación de todos e para todo». «O feito de que teñamos unha grande dispersión xeográfica –afirma- non é un impedimento senón unha oportunidade para acadar o reto de interconectar comarcas e persoas e demostrar que é posible poñer á tecnoloxía ao noso servizo de maneira sinxela». «Con iso teremos maior eficiencia enerxética -coa posta en marcha da Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente- e máis promoción turística, ademais de maior transparencia e participación cidadá, comodidade na xestión, e mellores servizos sociais en ámbitos como a tele-asistencia a mobilidade ou a seguridade cidadá».

También te podría gustar...