A iniciativa E ti, que vés lendo? premia os lectores que compartan na rede as súas recomendacións literarias

image_galleryA directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participaron onte á mañá xunto coa presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez, na presentación da iniciativa E ti, que vés lendo?, un concurso co que os libreiros galegos premian os lectores que compartan na rede as súas recomendacións literarias.

Tal e como subliñou Sol Vázquez, a actuación, que busca incrementar o hábito lector e dinamizar as vendas, conta co apoio da Consellería de Economía e Industria, a través do programa para impulsar o smart commerce e a presenza en internet e as redes sociais do comercio de proximidade galego, complementando así a experiencia de compra presencial dos consumidores cos diferentes canais de compra. Dentro deste programa, cofinanciado con fondos Feder, véñense de conceder axudas por máis de 3 millóns de euros a preto de 1.000 comerciantes e artesáns galegos, así como a 5 federacións e asociacións destes sectores entre as que se atopa a propia Federación de Librarías. Apóiase así a posta en marcha de máis de 1.800 proxectos que inclúen novos sistemas de comercialización e información ao consumidor en internet, e melloras na xestión e na presentación dos produtos, e na imaxe exterior e o acondicionamento dos locais.

Pola súa banda, o secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, gabou a iniciativa presentada hoxe porque supón un novo esforzo a prol do fomento da lectura en Galicia e porque supón tamén un novo apoio á dinamización comercial das librarías de Galicia, un sector fundamental na intermediación entre os creadores e editores co público lector. Esta iniciativa súmase ás que desde a Consellería de Cultura e Educación se desenvolven a prol do libro e da lectura en colaboración directa cos profesionais das librarías de Galicia, entre as que cómpre salientar a recentemente presentada “Tarxeta Bono Cultura”, que se desenvolverá no último trimestre de 2015; o proxecto de “Venres nas Librarías”; que levará a cabo a súa segunda edición entre outubro de 2015 e febreiro de 2016; e as feiras do libro novo de Galicia, un calendario de doce feiras nas cidades e vilas de Galicia que onte en Monforte de Lemos inaugurou a última feira deste ano.

Segundo se explicou na presentación de E ti, que vés lendo?, ata o vindeiro 30 de decembro todos aqueles que recomenden un libro na páxina web da Federación Galega de Librarías (www.librarias.org/concurso), á que se pode acceder tamén a través dun código QR dispoñible no material da campaña, recibirán un agasallo directo nas librarías adheridas á Federación, e entrarán nun sorteo mensual dun cupón de compra de 20 euros canxeable por libros. Os participantes poden consultar que librarías asociadas teñen máis próximas a través da localización a través de Google Maps dispoñible na web, na que as recomendacións estarán dispoñibles para todos os que queiran atopar así a súa seguinte lectura.

O apoio a esta iniciativa por parte da Consellería de Economía e Industria enmárcase no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

Entre os obxectivos desta folla de ruta está triplicar a porcentaxe de empresas de menos de 10 traballadores que venden na internet, alcanzando o 14 %. Tamén se busca incrementar nun 15 % os emprendedores que traballan no sector, ata chegar aos 60.800 en 2020; e aumentar nun 10 % o número de comercios que se asocian para competir, chegando ata os 20.000.