A estación de esquí de Cabeza de Manzaneda acolle un encontro de correspondentes xuvenís

  • Uns 190 mozos e mozas participan esta fin de semana nun encontro de correspondentes xuvenís na estación de esquí de Cabeza de Manzaneda
  • O programa de educación non formal Correspondentes Xuvenís 3.0 é unha iniciativa da Xunta de Galicia que consiste nunha rede de mozos e mozas que teñen o papel de “antenas informativas” para difundir nos seus centros de ensino programas e información de interese xuvenil
  • Rey Varela agradeceu aos participantes a súa implicación na iniciativa, que considerou “chave” para facilitar a participación dos rapaces e rapazas galegas nas actividades que desenvolve a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

06a1e73278f45692941f42a7c0eb411fc5e285cfA estación de esquí de Cabeza de Manzaneda acolle esta fin de semana un encontro de participantes no programa Correspondentes Xuvenís 3.0, iniciativa da Xunta de Galicia que consiste nunha rede de mozos e mozas que de maneira voluntaria se encargan de informar aos seus compañeiros de aula, amizades e coñecidos sobre convocatorias, recursos e programas xuvenís que poidan ser do seu interese. O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, visitou esta mañá aos aproximadamente 190 mozos e mozas de idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos que participan dende a xornada de onte nesta convivencia que rematará mañá domingo.

O titular da carteira autonómica de Política Social agradeceu a estes correspondentes xuvenís a súa colaboración para que a mocidade galega coñeza de actividades e todas aquelas cuestións que lle poden ser de interese, unha función que considerou “chave para facilitar a participación da xuventude galega nas actividades que impulsa a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado”. De feito, os mozos e mozas implicados nesta iniciativa realizan un traballo de difusión de información xuvenil nos seus ámbitos educativos –tanto institutos de secundaria como en ciclos medios ou superiores de formación profesional-,e tamén a través das redes sociais.

Pero ademais de facer promoción e dar a coñecer actividades e información de interese xuvenil, Rey Varela apuntou que o programa Correspondentes 3.0 “tamén é unha ferramenta que permite potenciar as habilidades comunicativas e sociais dos participantes; favorece a asunción temperá de responsabilidades e transmite valores como a solidariedade, a participación entre iguais e o liderado”.

Compartir experiencias
Durante esta fin de semana alumnado de segundo ciclo da ESO, Bacharelato e ciclos formativos de centros educativos de toda Galicia conviven na estación de esquí de Cabeza de Manzaneda neste encontro en que se combinan aspectos lúdicos con formativos. Así, os participantes realizan dinámicas de grupo para coñecer as valoracións que fan os distintos “correspondentes” da súa acción voluntaria como “antenas” de información xuvenil dos seus respectivos centros educativos; e se lles proporcionan ferramentas para mellorar a súa labor neste campo. Así mesmo, os mozos e mozas gozarán das actividades propias da estación de esquí se o tempo o posibilita.

O programa Correspondentes Xuvenís 3.0 pretende contar cunha antena informativa en cada centro educativo, que se responsabilice de recoller a información en materia de xuventude enviada dende a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil da súa localidade para difundila entre o alumnado do centro. Para iso conta con apoio do persoal do centro coordinador de información xuvenil e co profesorado participante no programa.

Estes correspondentes reciben gratuitamente formación en materia de información xuvenil, así como o carné xove, o carné internacional e o carné de alberguista durante o ano escolar no que están como correspondentes. Ademais, teñen preferencia nalgúns dos programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; e recoñéceselles, mediante un certificado expedido pola administración autonómica, o tempo dedicado ás actividades como persoas voluntarias.

 

También te podría gustar...