A EGAP triplica a súa oferta formativa para o persoal das entidades locais e convoca preto de 1.200 prazas en 2015

image_galleryA Escola Galega de Administración Pública, EGAP, triplica este ano o número de actividades formativas para o persoal das entidades locais galegas respecto ao exercicio anterior. Así o anunciou nunha rolda de prensa a súa directora, Sonia Rodríguez-Campos, que fixo balance da formación impartida ata o momento a este colectivo e do que queda de aquí a final de ano.

Segundo explicou a directora, en 2015 o programa formativo dirixido especificamente ao persoal da Administración local deu lugar á convocatoria de 1.180 prazas distribuídas en 33 actividades. Esta acción, “froito dun importante esforzo orzamentario da Escola”, supón un 200 por cen máis de actividades ca no ano anterior e un 125 por cento máis de prazas.

Todas as actividades están destinadas aos empregados públicos e ás empregadas públicas ao servizo das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como aos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional que estean prestando servizos noutras administracións públicas de Galicia.

O programa formativo foi elaborado tendo en conta, por unha banda, as necesidades da propia Administración, que son recollidas a través das propostas feitas pola Dirección Xeral de Administración Local e os colexios oficiais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local e, por outra banda, os resultados das enquisas de satisfacción do ano anterior e a demanda das actividades por parte do alumnado.

Deste xeito, a Escola elaborou este ano un programa formativo destinado a instruír aos empregados locais tanto en materias transversais, imprescindibles para desenvolver con eficacia e eficiencia unhas competencias básicas en calquera posto de traballo, como específicas, destinadas á actualización de coñecementos e habilidades directamente relacionados coas tarefas desenvolvidas.

Todas estas actividades agrúpanse baixo catro áreas: Réxime xurídico e xestión das entidades locais; Comunicación, organización do traballo e mellora das habilidades; Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa; e o denominado ‘Plan formativo ofimático de Galicia’.

Rodríguez-Campos explicou que neste momento xa remataron 15 das 33 actividades formativas e nos vindeiros meses de setembro, outubro e novembro comezarán cursos como Racionalización de recursos humanos na Administración local, Técnicas elementais de arquivos, Xestión patrimonial nas entidades locais, Negociación e traballo en equipo ou Contratación electrónica no ámbito local, entre outros.