A directora de Turismo asiste a derradeira xornada de ‘Vive o Castelo’ na fortaleza de Monterrei

SONY DSC

A directora de Turismo de Galicia asistiu a derradeira xornada do programa ‘Vive o Castelo’, que se celebrou na fortaleza de Monterrei, logo da súa rehabilitación.

Esta xornada estivo dedicada á música coa actuación de Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena musical de Galicia. Guadi é coñecida pola súa traxectoria rica e intensa na que destaca a súa participación no grupo Berrogüetto, onde foi a voz principal e gaiteira. No pasado ano presentou o seu segundo traballo como solista ´Lúas de outubro e agosto´ tras o álbum ´Benzón´.

A fortaleza de Monterrei tamén acolleu a actuación de Guezos, unha banda de pop-folk ourensán que tamén traballa ritmos de rumba, rock, ska e reggae. Este grupo que conta con cinco discos editados fixo que no seu directo o público non puidera parar de cantar, bailar e participar con eles da gran festa sonora que realizaron.

Ademais, como nas anteriores xornadas, os visitantes puideron gozar tamén das visitas teatralizadas ao Castelo ás 20:00hr. e ás 23:00hr.

Programación ´Vive o Castelo´
Esta programación que comezou o día 23 de xullo, dinamizou a contorna do castelo e ampliou a oferta turística deste territorio coa celebración dun conxunto de actividades lúdicas-culturais.

As xornadas englobaron a divulgación cultural con actuacións como as nove visitas guiadas e teatralizadas que tiveron lugar cada xoves ou a mesa redonda na que participaron o doutor en Historia e profesor de Investigación do CSIC, Eduardo Pardo de Guevara, o presidente da Asociación de Amigos do Camiño, Eligio Rivas, o canónigo archiveiro da catedral de Ourense, Miguel Ángel González García e unha representante do estudo de arquitectura que levou a cabo a obra de rehabilitación do castelo.

As actuacións máis lúdicas comezaron coa actuación do trío Talabarte, formado por un violinista, un contrabaixo e un acordeonista que ofreceron un concerto onde se presentou o tema do seu próximo disco ´Ao son da cociña: music and food experience´. Os asistentes a esta xornada tiveron a oportunidade de degustar petiscos nun showcooking a cargo do chef Xián Herrera.

Na seguinte xornada celebrouse a Gala do Circo no Castelo conducida por Luis Iglesias e na que participaron o ´Mago Teto´, o ´Circo Chosco´, a compañía ´Os sete magníficos´ máis un grupo de galopíns musicais coñecidos co nome de ´Magnifique bande dos homes sen medo´.

No mes de agosto, as actividades continuaron cos concertos de Emilio Rúa, Uxía e Narf e na xornada pasada a quenda foi para un Castelo de Contos que albergou as actuacións dos Quinquilláns, unha compañía especializada dende os seus inicios no teatro de rúa e infantil, Daboapipa, un grupo composto por Vero Rilo e Santi Prieto no que fusionan o mundo da infancia coa palabra e a música e Paco Nogueiras, un músico e actor que sempre estivo ligado ao mundo do teatro e a música.

En total, englobaron dende o aspecto máis cultural, co coñecemento do propio castelo, ata o máis festivo con actuacións musicais, degustacións gastronómicas, circo e contacontos, entre outras.

Balance dos asistentes ás xornadas
Preto de 2.000 persoas gozaron destas actividades ao longo do verán. As visitas guiadas de balde nas que simplemente era preciso unha inscrición previa tiveron unha gran acollida ao facilitar o coñecemento da acrópole dunha maneira singular e divertida. O día que mais visitantes gozaron destas visitas teatralizadas foi o 30 de xullo con 250 persoas no cómputo total das dúas sesións.

Nese mesmo día tamén se contabilizou o maior número de asistentes ás actividades lúdicas-culturais. Neste senso, a xornada estivo dedicada a Gala do Circo na que participaron máis de 400 persoas. Outra das actividades cunha gran afluencia foi Música no Castelo celebrada na terceira xornada e da que gozaron máis de 200 persoas.

También te podría gustar...