Deputación de Ourense - Presentación da 29 edición do Anuario da Gaita

 

A Deputación de Ourense presenta a 29ª edición do Anuario da Gaita, que é editado pola Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense. A publicación foi presentada esta mañá na sala de xuntas do Pazo Provincial polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o deputado de cultura, Manuel Doval, o director da Escola Provincial de Gaitas, da Real Banda e coordinador da publicación, Xosé Lois Foxo e por Manuel Rego Nieto, colaborador asiduo do anuario.

A publicación é única nas súas características en Galicia e referente mundial, que achega investigación, tradición, cultura e etnografía nunha mesma obra, dedicada integramente ao instrumento senlleiro de Galicia, que conta tamén con estudos sobre a gaita, ademais de colaboracións de expertos e traballos de ámbito histórico.

Rosendo Fernández dixo que o Anuario da Gaita é “froito do traballo que, de xeito firme e comprometido, realiza Xosé Lois Foxo para botar luz sobre a historia, a tradición e os usos da cornamusa, sen esquecer a proxección deste tradicional instrumento cara ao futuro”. O vicepresidente da Deputación de Ourense afirmou que unha das liñas fundamentais da acción política dunha institución coma a Deputación de Ourense “é a de poñer en valor o propio e, dese xeito, contribuír á creación dunha identidade forte que permita posicionar a Ourense, dun xeito claro e diferenciado, nun mundo no que cada vez resulta máis complexo manter os sinais do propio sen que estes se dilúan no ámbito do global”.

Manuel Doval como deputado de cultura e ademais, durante moito tempo, colaborador da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense, destacou “o gran labor que fai a institución provincial en prol da cultura, editando libros moi importantes da nosa historia”.

A Escola de Gaitas este ano está a celebrar o seu 30 aniversario onde ademais de aprender a tocar a gaita tamén importa o gran labor científico que realiza con esta publicación, asegurou Xosé Lois Foxo, e engadiu “a Escola de Gaitas ten a colección máis grande do mundo de cornamusas que atrae a moitos visitantes de distintas partes do mundo”.

Esta publicación, así como outras actividades que se levan a cabo dende a Escola de Gaitas, “son para dignificar a este instrumento que se algo fai chorar aos galegos que están fóra é a gaita”, concluíu Xosé Lois Foxo.

Pola súa banda, Manuel Rego destacou o gran labor que realiza a Real Banda de Gaitas como embaixadora de Ourense e de Galicia que “actuou ante Papas, Xefes de Estado e numerosas autoridades”, levando a música galega por todos os recunchos do mundo.