A Deputación de Ourense crea unha web para facilitar e fomentar a adopción de animais abandonados

  • A iniciativa completarase con accións de sensibilización na rede provincial de centros de recollida, con xornadas de portas abertas e visitas de colexios.
  • O deputado Pablo Pérez visitou a canceira do Carballiño, da que salientou as excelentes instalacións e coidado dos cans, ao tempo que rexeitou as críticas contra o centro.

Visita á canceira do Carballiño

A Deputación de Ourense porá en marcha unha web para facilitar e fomentar a adopción dos cans acollidos na rede de centros de recollida de animais abandonados, anunciou hoxe o deputado responsable da área de Cooperación do organismo provincial, Pablo Pérez, durante a visita que realizou á canceira do Carballiño para coñecer unhas instalación das que dixo amosarse «gratamente sorprendido».

A web de adopción, engadiu Pablo Pérez, «completarase con outras accións de sensibilización, como xornadas de portas abertas cada dous meses e visitas guiadas para colexios», a fin de fomentar entre os alumnos o coidado das súas mascotas, ademais de ensinarlles o funcionamento deste tipo de instalacións.

No marco destas iniciativas, O deputado de Cooperación visitou as instalacións do centro de recollida de O Carballiño, no que a Deputación investiu ao redor de 80.000 euros en melloras nos últimos tres anos, ás que se engadirá agora unha correcta sinalización da ubicación.

Pablo Pérez, quen salientou as boas condicións hixiénicas das instalacións –ao 70 % de ocupación-, a comida con certificación veterinaria e mailo equipamento da clínica habilitada no centro, lamentou o ataque que está a sufrir esta canceira, situación que dixo non entender. «Eu convido a quen o desexe a que visite a canceira e verá que non ten sentido esta polémica».

En ningún momento, aclarou, «se lle prohibiu a ningunha protectora de animais a súa axuda no coidado e adopción dos cans da canceira do Carballiño, e moito menos a entrada». O único que se fixo, a instancias do Gabinete de Prevención de Riscos da Deputación e por motivos de seguridade, foi non deixar entrar nas gaiolas a persoas alleas á canceira e regular o horario de visitas, «que por certo prevemos ampliar».

Tamén indicou o deputado que xa hai asociacións protectoras de animais interesadas en participar no convenio de atención do centro do Carballiño, para o que resulta imprescindible estar inscrito no rexistro de protectoras da Xunta.

Nesta liña e no coidado que está a pór a Deputación no funcionamento da súa rede, con centros de recollida de animais abandonados en Xinzo, Baixa Limia, A Rúa e O Carballiño, Pablo Pérez indicou ademais que tamén procederán a fomentar as inspeccións daqueles lugares de acollida non regulados.

También te podría gustar...