image_gallery

 

A cultura galega estará representada na “Mostra Espanha 2015” que se realizará en Portugal, segundo confirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na reunión do Pleno da XXIV Conferencia Sectorial de Cultura que tivo lugar hoxe en Murcia, na sede do Museo do Teatro Romano de Cartaxena, e que estivo presidida polo ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert.

A participación das diferentes comunidades autónomas nesta iniciativa, que se enmarca na acción internacional promovida polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte en materia de cultura, está sendo definida polos distintos gobernos autonómicos en coordinación coa Administración estatal, que ten como obxectivo promover o diálogo cultural entre España e Portugal, así como a difusión das creadoras e dos creadores españois no país veciño. A cuarta edición da mostra, que incluirá exposicións, encontros culturais, concertos, representacións teatrais e danza, levarase a cabo en diversas cidades portuguesas.

Durante o encontro, no que participaron representantes de cultura das diferentes comunidades, tamén se abordaron, entro outros temas, o proceso da convocatoria das axudas ao patrimonio bibliográfico para a creación e transformación de recursos dixitais e a súa difusión e preservación mediante repositorios, promovidas pola Dirección Xeral de Belas Artes e Bens Culturais e de Arquivos e Bibliotecas; a liña de axudas para a revaloración cultural e modernización das librerías, as convocatorias de subvencións do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM) e a programación dos centros artísticos deste instituto nas comunidades autónomas, a programación de actividades conmemorativas do cuarto centenario da morte de Miguel de Cervantes e a renovación dos representantes autonómicos no Observatorio da Lectura e o Libro.

Novas tendencias dixitais nos museos

No marco da cooperación entre os gobernos estatal e galego, a Consellería e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte presentarán este ano en Galicia a segunda edición do ‘Anuario AC/E de cultura digital’. A galega será a primeira comunidade na que se realice esta presentación fóra de Madrid, que incluirá unha parte formativa e de encontro con profesionais arredor da implantación das últimas tendencias dixitais no sector dos museos.

O obxectivo do anuario é analizar o impacto de internet e a transición ao ámbito dixital no mundo da cultura para axudar os profesionais do sector a incorporar as tecnoloxías da información e da comunicación nas súas entidades culturais.