A Consellería do Medio Rural e do Mar busca os mellores viños, augardentes e licores tradicionais da nosa terra

LicoresEntre o próximo 9 e 12 de xuño celebrarase no CIFP Compostela a XXVII Cata dos Viños de Galicia e a XVII Cata dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. A cata de viños desenvolverase entre o 9 e o 11 de xuño e a de augardentes e licores tradicionais o 12 de xuño. Este certame celébrase baixo a dirección da Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración cos cinco Consellos Reguladores das Denominación de Orixe vitivinícolas e o Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das augardentes e licores tradicionais.

Na cata de viños 12 expertos avaliarán a calidade de 215 viños das Denominacións de Orixe Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra, Rías Baixas e Monterrei. Este certame é o máis importante de entre os que se celebran na nosa Comunidade e conta en cada edición cun elevado número de adegas e viños acollidos ás cinco Denominacións de Orixe existentes en Galicia.

Por outra banda, para a cualificación das augardentes contarase cun panel de cata conformado por 7 expertos en análise sensorial. Nesta edición inscribíronse inicialmente un total de 14 augardentes, 5 augardentes de herbas, 10 licores de herbas e 8 licores café de Galicia.

A elección dos gañadores pasa por unha precata e unha cata final para ambos concursos, nos que os expertos que compoñen os paneis irán descartando os viños e as bebidas espirituosas ata dar, entre outros, co Mellor Viño Branco de Galicia, Mellor Viño Tinto de Galicia e cos Potes de Ouro, Prata e Bronce.

As catas realízanse a cegas e seguen un proceso que garante o anonimato dos participantes. O xurado está conformado por profesionais do sector vinícola e dos licores, como xornalistas especializados, investigadores, xefes de sala de restaurantes ou viticultores. Algúns deles contan co privilexio de ser gañadores ou finalistas do certame máis prestixioso do sector da cata, o “Nariz de Oro”.