image_galleryA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará algo máis de 686.000 euros a financiar o transporte escolar adaptado e o servizo de comedor de alumnos e alumnas con discapacidade durante o vindeiro curso escolar.

O conselleiro Román Rodríguez e mailos representantes de once entidades sen ánimo de lucro asinaron hoxe os convenios de colaboración respectivos tanto en materia de transporte como de comedor. Os acordos encádranse no compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coa atención á diversidade do alumnado galego, que garante o acceso á educación dun sector da poboación escolar galega que require una atención específica e preferente.

Transporte adaptado
No caso do transporte escolar adaptado, a Consellería destina un total de 533.377 euros a financiar este servizo escolar complementario do cal se beneficiarán 200 nenos e nenas durante o curso 2015-2016.

En concreto asináronse convenios coa Asociación de Atención á Parálise Cerebral e afíns Amencer-Aspace para posibilitar o desprazamento do alumnado discapacitado ao CEE (Centro de Educación Especial) Amencer (en Pontevedra) e ao CEE Princesa Letizia (en Vilagarcía de Arousa); coa Asociación de familias de persoas con discapacidade psíquica das comarcas do Barbanza e Noia, AMICOS, para o desprazamento ao CEE Amicos, en Ribeira; coa Asociación BS A Esperanza do Val Miñor para acudir ao CEE Juan María; coa Asociación de Pais de persoas con parálise cerebral-A Coruña ASPACE; coa Asociación a favor das persoas con discapacidade intelectual da provincia de Pontevedra, ASPANAEX, para o desprazamento ao seu CEE Aspanaex; coa Asociación pro persoas con discapacidade intelectual de Galicia (APRONAGA) para acudir ao CEE Ntra. Sra. de Lourdes; coa Asociación Autismo Ourense, para acudir ao CEE Ilustre Mestre; e coa Asociación BATA para o desprazamento ao CEE BATA-Os Mecos.

Trátase de escolares con distintos tipos de discapacidades que precisan nos seus traslados ao centro educativo dunha atención específica e personalizada, de acordo coas súas necesidades físicas e psíquicas particulares. Así, os convenios cobren os desprazamentos de ida e volta desde os domicilios dos rapaces aos seus centros escolares, así como aos centros en que reciban tratamento rehabilitador, cando este coincida co horario escolar. Ademais, o servizo obxecto dos convenios estará adaptado ás necesidades horarias das alumnas e alumnos, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que necesitan.

Ao abeiro destes convenios, as devanditas asociacións comprométense a facilitar os desprazamentos cos vehículos adaptados que sexan necesarios, así como a prestar os pertinentes servizos especializados de acompañamento e atención ao alumnado trasladado. Pola súa banda, a consellería farase cargo do 80% do gasto derivado da prestación destes servizos.

Servizo de comedor
Doutra banda, a Consellería destina 152.709 euros a financiar o servizo de comedor de alumnos con necesidades especiais do cal se beneficiaran un total de 359 nenos e nenas. Estes acordos responden ás liñas de actuación do departamento educativo da Xunta de apoiar aos colectivos máis vulnerables e, neste senso, o servizo de comedor escolar enmárcase no obxectivo básico de escolarización do alumnado discapacitado.

Neste caso, o conselleiro de Cultura e Educación asinou hoxe os respectivos convenios de colaboración coa Asociación de familias con persoas con discapacidade psíquica AMICOS, para o servizo de comedor escolar do alumnado do seu CEE de Ribeira (A Coruña); coa Asociación Autismo Ourense, para o comedor escolar do alumnado discapacitado no CEE Ilustre Mestre; coa Asociación de pais de persoas con parálise cerebral-ASPACE no seu CEE da Coruña; coa Asociación AMENCER-ASPACE nos CEE Amencer-Aspace e Princesa Letizia; coa Asociación de pais de persoas con trastorno do espectro autista (TEA) da provincia da Coruña, ASPANAES, para o comedor nos seus locais da Coruña, Santiago, Ferrol e As Pontes; coa Asociación pro persoas con discapacidade intelectual de Galicia, APRONAGA, para atender os alumnos no CEE Ntra. Sra. de Lourdes; coa Asociación Ntra Sra. de Chamorro para o comedor no CEE en Narón; e coa Fundación Menela no CEE de Vigo.