Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou onte no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se conceden as axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos no curso académico 2014/15. As asociacións beneficiarias poden consultarse no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150908/AnuncioG0164-310815-0003_gl.html .

A contía total das axudas outorgadas ascende a 552.998 euros, case 3.000 euros máis do orzamento inicialmente previsto. Deste xeito as bolsas distribúense entre 89 ANPAs, todas as que cumprían os requisitos da convocatoria, o que supuxo aprobar o 94,7% das solicitudes presentadas.

Estas subvencións poden ser empregadas para sufragar o custo diario do menú por comensal e polos días de asistencia destes ao comedor, así como, se é o caso, a vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do comedor. Tamén poden destinarse a costear os gastos orixinados pola contratación de persoal para atender ao alumnado con necesidades específicas e os derivados da contratación de pólizas de seguro vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar. Tal e como se especifica na Orde, ditas axudas cofinancian ata un máximo do 50% do custo de dito servizo.

Cómpre lembrar que, de forma paralela á concesión destas axudas, a Consellería asume progresivamente algúns comedores que antes eran xestionados polas ANPAs. De feito, este ano o departamento educativo da Xunta de Galicia xestionará 2 comedores máis como consecuencia deste proceso de asunción de usuarios. Ademais, asínanse convenios para colaborar ao cofinanciamento dos comedores con concellos que asumen a xestión deste servizo para liberar a estas asociacións desta tarefa. A achega total da Consellería para estes convenios no curso 15/16 será de máis de 831.000 euros (un 11,61% máis que nos dous períodos anteriores).