image_gallery (1)A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, acudiu a doar sangue onte a mañá ás instalacións do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), e convidou ás galegas e galegos a participar activamente no desenvolvemento das campañas de doazón de sangue durante os meses de verán.

A conselleira de Sanidade, que estivo acompañada pola directora do CTG, María Inmaculada Rodríguez Calvo, lembrou que, entre os meses de xuño e setembro, os hospitais galegos precisarán unhas 40.000 doazóns de sangue para facer fronte a súa actividade asistencial e salientou que os meses de verán coinciden cos de maior demanda de compoñentes sanguíneos por mor do incremento dos accidentes de tráfico.

Todos os grupos sanguíneos
A titular do departamento de Sanidade do executivo galego salientou que, nestes momentos, o CTG desenvolve unha campaña de doazón de sangue na que se está a facer un chamamento xeneralizado á participación de todos os cidadáns, polo que resultan precisas doazóns de todos os grupos sanguíneos.

Como dato positivo, Rocío Mosquera salientou que a campaña de doazón do presente exercicio acadou entre os meses de xuño, xullo e o que levamos do presente mes de agosto, un total de 24.439 doazóns, cifra que representa un 3,6% de aumento con respecto ao mesmo período do ano anterior.

Reforzar o chamamento
Tanto a conselleira de Sanidade como a directora do CTG, quixeron revitalizar o permanente chamamento á participación xa que, a pesares do lixeiro ascenso experimentado nos meses de verán, o balance da evolución da doazón en Galicia no computo global do ano amosa unha tendencia á baixa. Neste sentido, apuntaron que, no computo global do presente ano, téñense acadado 71.241 doazóns, o que supón un descenso do 1,4% con respecto ano mesmo período do ano 2014.

Neste sentido, lembraron as facilidades para doar sangue, salientando a existencia de locais de atención permanente ao doador de sangue emprazados nas sete grandes cidades galegas, así como a presenza das dez unidades móbiles do CTG en case 60 concellos galegos ata finais do presente mes de agosto.

Doazón de medula ósea
A Consellería de Sanidade lembra, tamén, á cidadanía da nosa Comunidade Autónoma a importancia da doazón de medula ósea. A tal efecto, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Josep Carreras teñen a disposición das galegas e galegos unha páxina web http://galicia.medulaosea.org que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores. Deste xeito, neste enderezo electrónico poden eles mesmos apuntarse. Unha vez que se anoten serán chamados para a correspondente entrevista por parte dos profesionais sanitarios.

Poden ser doadores de medula ósea as persoas de 18 a 55 anos que non padezan ningunha enfermidade que poida ser transmitida ou por en perigo a súa vida polo feito da doazón.