A comisión de Cooperación da Deputación de Ourense abordará o Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e rede viaria 2016

1Fachada-Deputacin-300x213As comisións informativas da Deputación de Ourense celebran as súas reunións. Onte e hoxe no Pazo Provincial, xuntanzas nas que analizarán temas de cooperación e cultura. Hoxe, xoves a comisión de cultura abordará a fixación de prezos de venda ao público das publicacións que editará a Deputación de Ourense. Por un lado, do Plan de Publicacións 2014, «A Ponte Maior de Ourense. El puente romano-medieval. La razón de ser de una ciudad», de Juan Carlos Rivas Fernández por valor de 35 euros. E, no Plan de Publicacións 2015, «Paisajes culturales del agua», coordinado por Ladislao Castro Pérez, Beatriz Comendador Rey, Elena de Uña-Álvarez, Fermín Pérez Losada e Susana Reboreda Morillo, por importe de 12 euros.

Outro dos temas a tratar na xuntanza será a proposta de resolución do contrato administrativo especial para a prestación do servizo da Escola de Equitación de Vilamarín asinado entre a Deputación de Ourense e a mercantil Equus-Ourense, SL.

Onte, na comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordarase o Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e rede viaria provincial 2016. Este Plan comprende as obras e servizos de competencia municipal e de estradas das obras dos concellos da provincia e as obras de mellora e conservación da Rede Viaria de titularidade do ente provincial. A Deputación, contempla neste Plan, unha achega por importe total de 6.751.138,85 euros para as obras municipais, para concellos en situación insuficiencia financeira manifesta e para a rede viaria da Deputación. Asemade elaborouse un plan comentario para dispoñer de proxectos técnicos que se executarían na medida na que existan créditos dispoñibles por anulación de obras ou baixas nas licitacións e así mesmo co fin de obter a declaración de utilidade pública naquelas actuacións que demanden a previa expropiación forzosa dos terreos necesarios para a execución delas polo que, a Deputación destina para obras municipais neste plan complementario, 4.040.000 euros e 1.070.000 euros para a rede viaria do ente provincial.

Outros temas a tratar na xuntanza serán o programa de cooperación en materia de emprendemento e en materia de mocidade do ano 2016. Nas bases reguladoras do programa de cooperación cos Concellos en materia de empregabilidade recóllese que este programa trata de contribuír ao sostemento económico dos servizos de competencia municipal polo que se lle concederían axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes que contraten persoas en réxime de dereito laboral ou subscriban contratos administrativos, típicos ou especiais, con empresarios suxeitos ao réxime de autónomos, para a realización de actividades da súa competencia durante o exercicio 2016. A axuda concedida a cada concello podería acadar a contía máxima de 10.000 euros e ata o 100% dos custos indisolublemente vinculados aos contratos subvencionados. Para as axudas incluídas nesta convocatoria consignarase un importe máximo de 910.000 euros. Pola súa banda, as bases reguladoras do programa de cooperación en materia de mocidade recollen que a finalidade deste programa é a contribución ao financiamento das actividades desenvolvidas polos concellos en prol da mocidade. Poderán optar os concellos de menos de 20.000 habitantes que desenvolvan calquera actividade a prol da mocidade durante o ano 2016. A axuda a cada concello terá unha contía máxima de 6.000 euros e ata o 100% dos custos derivados das actividades subvencionadas, cun presuposto consignado por importe máximo de 546.000 euros. Asemade tratarán a expropiación forzosa para a execución da obra de piscina municipal en Porqueira.

También te podría gustar...