«A Bugalla» nº 2: Folclore, cultura e turismo

  • Folclore, cultura e turismo no nº 2 da revista «A Bugalla»
  • A Deputación de Ourense colabora con esta publicación que está editada pola asociación «Queixumes dos Pinos» en dous idiomas, galego e inglés, e chega a 37 países
Presentación nº 2 Revista A Bugalla

Presentación nº 2 Revista A Bugalla

 

A asociación «Queixumes dos Pinos» edita o número 2 da revista «A Bugalla» na que difunde cultura, turismo e folclore de Galicia en dous idiomas en galego e inglés, chega a 37 países. A presentación desta publicación tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Ourense na que estivo presente o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde do Concello de Ourense, Jesús Vázquez; a xefa territorial de cultura da Xunta, Mercedes Gallego; e o director do grupo «Queixumes dos Pinos», José Antonio Viñas.

Esta publicación na que colabora a Deputación de Ourense ten como finalidade «eloxiar a dimensión da cultura de Galicia e dar a coñecer espazos, tradicións culturais e formas de traballo dos ámbitos da música, do folclore e do idioma», asegurou Rosendo Fernández.

A revista conta con «colaboradores a nivel internacional e outros de gran prestixio de Ourense, como por exemplo o artigo «A Casa Rural Galega» do técnico de turismo, Juan Andrés Hervella», asegurou José Antonio Viñas. Nesta edición tamén aparecen artigos sobre feitos culturais como o magosto ou sobre o vinte aniversario de «Queixumes dos Pinos» que organizaron en Ourense «trece festivais nacionais de folclore, cinco festivais internacionais xuvenís de folclore e ata oito países de Europa viñeron a Ourense a compartir connosco súas tradicións», destacou Rosendo Fernández.

A expansión desta publicación en máis de 30 países pertencentes á Federación Internacional de Folclore «pode servir tamén como vínculo para potenciar o turismo termal na provincia de Ourense, dar a coñecer Ourense e que a xente de Ourense poida coñecer características de outras culturas», afirmou José Antonio Viñas.

Pola súa banda, Valentín García destacou a labor que realiza esta publicación «confundimos o folclore como un produto de consumo propio que ten que ser apreciado polo pobo que o crea, e «A Bugalla» demostra que non é necesariamente así. O folclore é unha bandeira para levar fóra e mostrar o que somos capaces de facer e vender os nosos produtos galegos».

Jesús Vázquez asegurou «hai que celebrar calquera iniciativa para a difusión da nosa cultura e máis cando se trata de sumar, amosar e unir pobos».

También te podría gustar...