A APP móbil do Camiño xa dispoñible para Android

  • A aplicación móbil do Camiño de Santiago de Turismo de Galicia xa está dispoñible para descargar en dispositivos Android
  • Esta aplicación, que nace no marco do proxecto Smart Camiño, ten como obxectivo acompañar e guiar aos peregrinos na súa viaxe a Compostela
  • Trátase dunha aplicación móbil pioneira que ten a grande aspiración de consolidarse como líder no seu segmento
  • Os peregrinos dispoñen, en tempo real, de toda a información sobre cada unha das rutas oficiais do Camiño de Santiago desde a súa entrada en Galicia

app_smart_camino

 

A aplicación móbil do Camiño de Santiago de Turismo de Galicia xa está dispoñible para descargar en dispositivos Android.

A aplicación, que nace no marco do proxecto Smart Camiño, ten como obxectivo acompañar aos peregrinos na súa viaxe a Compostela e ser a súa guía.

Trátase dunha aplicación móbil pioneira que ten a grande aspiración de consolidarse como líder no seu segmento.

A través da mesma, os peregrinos poden obter información sobre todas as rutas oficiais do Camiño de Santiago desde a súa entrada en Galicia: Camiño Francés, Ruta Fisterra-Muxía, Vía da Prata, Camiño Portugués, Camiño Inglés,Camiño Primitivo, Camiño do Norte, Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, e Camiño de Inverno.

Os peregrinos dispoñen, así, en tempo real, de toda a información que necesiten en cada momento sobre os trazados oficiais das rutas xacobeas, a Rede Pública de Albergues coas súas características, horarios, localización, teléfono e fotografías; información sobre os eventos culturais -festas, concertos, talleres, etc- así como información detallada de todos os recursos turísticos -descrición, localización e imaxes-.

Así mesmo, os peregrinos poderán consultar nela onde comer, onde aloxarse e que visitar en cada un dos tramos do Camiño coñecendo a ampla oferta dos establecementos turísticos cos que conta.

Ademais, a aplicación permitiralles coñecer información meteorolóxica –ofrecida por Meteogalicia- así como datos de contacto e dirección dos centros de saúde e emerxencias.

Por outra parte, a plataforma dixital conta cun servizo de realidade aumentada que permite, a través da cámara do móbil, visualizar todos os puntos de interese situados nas proximidades.

No apartado ‘Meu diario’, os peregrinos poden gardar os momentos máis importantes do Camiño, a través de notas de texto e fotografías, para posteriormente, a través da funcionalidade do portal ‘A miña experiencia’ crear o seu propio libro dixital.

A aplicación está dispoñible nos idiomas galego, español e inglés e a maior parte das súas funcións poden ser empregadas sen necesidade de cobertura no móbil.

Aposta polas novas tecnoloxías
O desenvolvemento desta aplicación constitúe unha mostra máis da aposta da Xunta de Galicia pola incorporación da innovación, a calidade e a competitividade no sector turístico.

Esta aposta está reflectida no Plan Integral de Turismo de Galicia que dedica unha das súas oito liñas estratéxicas ao fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías para acadar un sector competitivo e un destino intelixente.

No marco do Smart Camiño, Turismo de Galicia puxo xa en marcha numerosas iniciativas para o impulso de melloras na xestión e na innovación nos procesos de articulación, promoción, comercialización e xestión do principal produto turístico da nosa comunidade, o Camiño de Santiago.

Así, a Rede Pública de Albergues do Camiño conta xa con rede wifi gratuíta nun 84% -porcentaxe que acadará o 100% nos vindeiros meses- e a Ruta Xacobea conta xa cunha páxina web específica, caminodesantiago.gal, con toda a información necesaria para emprender a aventura que supón facer o Camiño.

También te podría gustar...