A Agadic subvenciona nove festivais profesionais de artes escénicas cun importe total de 160.000 euros, dous deles en Ourense

Agadic-XuntaA Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba facer pública a adxudicación dun total de 160.000 euros en axudas a nove mostras profesionais de artes escénicas como parte do seu programa anual de subvencións ao sector cultural galego.

A dotación desta liña de apoio, que incrementou en 10.000 euros a súa contía respecto ao ano pasado, diríxese especificamente a aqueles eventos de iniciativa pública ou privada, celebrados entre o 1 de novembro de 2014 e o 31 de outubro de 2015, cunha traxectoria mínima de cando menos dúas edicións anteriores. A súa concesión seguiu o procedemento de concorrencia competitiva, de xeito que o importe total foi distribuído entre as nove entidades organizadoras destes festivais (concellos, asociacións e cooperativas culturais) a partir da aplicación dun baremo prefixado na convocatoria.

Adxudicacións
De acordo con estes criterios, o XXIV Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo percibirá un total de 39.146,50 euros; o VIII Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), 25.388,34 euros; a XXXII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, 23.447,41 euros; o XX Festival Internacional Galicreques de Santiago, 19.616,05 euros; o XVI Festival Internacional de Títeres de Redondela, 17.151,26 euros; o Alt 15 (XIV Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo), 15.842,69 euros; Corpo(a)terra (V Festival de Danza e Artes do Corpo en Ourense), 10.028,29 euros; o Festiclown 2.0 de Noia, 6.499,83 euros; e o III Festival Internacional de Teatro Lusófono ‘Ponte na Escena’, 2.879,63 euros.

Con esta resolución, publicada na páxina web da Agadic (www.agadic.info), complétanse as adxudicacións realizadas ao abeiro da convocatoria de axudas a festivais escénicos e musicais de carácter profesional para 2015, no marco da que hai unha semana se deu a coñecer tamén a relación dos 12 festivais de música subvencionados este ano cun total de 210.000 euros.

Esta liña de apoio público busca contribuír á consolidación do mapa galego de festivais, considerados estratéxicos para o desenvolvemento das industrias culturais na nosa Comunidade. Neste sentido, a súa convocatoria anual mantense desde 2012 co obxectivo de articular unha canle estable de apoio aos festivais galegos que permita optimizar os recursos públicos para este tipo de eventos e impulsar a súa maior profesionalización.

De feito, entre os requisitos esixidos na convocatoria deste ano para os festivais de artes escénicas, establecíase que un 30 por cento do seu orzamento subvencionable debía corresponder á contratación artística. Ademais, a presenza de formacións compostas maioritariamente por artistas que desenvolvan a súa actividade en Galicia tiña que supoñer, como mínimo, o 20 por cento da contratación artística do festival ou o 30 por cento do total das actuacións profesionais que se organizan.

También te podría gustar...