A Agadic subvenciona 11 novas producións audiovisuais galegas con dous millóns de euros

  • A Axencia da Consellería de Cultura e Educación publica hoxe a relación dos proxectos beneficiarios desta convocatoria, coa que se completa a resolución do programa anual de axudas ao sector
  • Apóianse cinco longametraxes de ficción, dúas de animación, un documental cinematográfico e outro televisivo, unha curtametraxe e unha miniserie
  • Agallas Films, Esferobite, Ficción Producciones, Frida Films, Juan Carlos Pena Babío, Ladybug Films, Maruxiña Film Company, Matriuska Producciones, Vaca Films, Zeitun Films e Zenit Televisión son as produtoras adxudicatarias

28493__162_a_1A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou onte no seu web a adxudicación de dous millóns de euros en axudas a 11 empresas audiovisuais galegas para a produción dos seus novos traballos para cinema e televisión. En concreto, a través desta convocatoria dirixida especificamente a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, subvenciónanse cinco longametraxes de ficción, dúas de animación, un documental cinematográfico e outro televisivo, unha curtametraxe e unha miniserie.

Na modalidade de longas de ficción, a produtora Maruxiña Film Company percibirá 257.347 euros para ‘A visitante’, a nova película de Alfonso Zarauza, mentres que Matriuska Producciones contará coa mesma contía para ‘A estación violenta’, con Anxos Fazáns na dirección e Ángel Santos e Daniel Froiz na adaptación do guión a partir da novela homónima de Manuel Jabois. Apóiase tamén a próxima película da directora Isabel Ayguavives, ‘Semana grande’, presentada por Frida Films e subvencionada con 237.551 euros, o mesmo importe concedido a Vaca Films para ‘Kidnapped’, filme de terror de Miguel Ángel Vivas pensado para o mercado internacional. Nesta mesma categoría figura con 143.520 euros a nova fita de Lois Patiño, producida por Zeitun Films e que levará por título ‘Tempo vertical’.

Animación
En canto ao formato de animación, a Agadic achegará 257.347 euros a cada unha das dúas longametraxes seleccionadas. Trátase de ‘Día de mortos’, unha proposta de Ficción Producciones con Carlos Gutiérrez e Mamen Quintas na dirección e na produción executiva, e con guión de Tatiana Rodríguez; e ‘Memorias dun home en pixama’, presentada por Ladybug Films, con dirección de Paco Roca e Carlos Fernández e guión de Diana López Varela e Ángel de la Cruz.

No apartado de documental, seleccionáronse outros dous títulos: ‘Versogramas’ (38.226 euros), filme para cinema producido por Esferobite e dirixido por Juan Lesta e Belén Montero, e ‘A batalla descoñecida’ (44.540 euros), produción para televisión proposta por Agallas Films con Paula Cons na dirección.

Tamén no ámbito televisivo, a miniserie de Zenit Televisión ‘Contou Rosalía’, con dirección de Zaza Ceballos e guión de Raúl Veiga, resultou adxudicataria de 257.347 euros.

Completa a relación de proxectos subvencionados a curtametraxe de Juan Carlos Pena Babío ‘Peixes’, que contará cunha axuda de 11.877 euros a raíz da inclusión por vez primeira nesta convocatoria dunha categoría destinada ás fitas de menor duración.

Impulso da presenza feminina
Xunto coa reestruturación das modalidades de subvención, as bases de 2015 tamén introduciron novidades nos criterios de valoración aplicados pola comisión. Destacan, entre elas, a puntuación extra que recibiron as producións cunha destacada presenza feminina nos seus equipos e, de feito, seis dos once proxectos seleccionados este ano están dirixidos ou codirixidos por mulleres.

Coa resolución destas subvencións á produción e coprodución audiovisual, a Axencia Galega das Industrias Culturais completa as adxudicacións ao abeiro do seu programa anual de axudas públicas a este sector, que contou para as súas catro convocatorias de 2015 cunha dotación conxunta de 2.420.000 euros. En total, apóianse economicamente 41 iniciativas correspondentes ás diferentes fases do proceso audiovisual, entre as que, ademais das devanditas producións cinematográficas e televisivas, se atopan outras 13 propostas presentadas por novos talentos (guións, curtas e longametraxes), 11 proxectos en fase de desenvolvemento e seis festivais.

También te podría gustar...