image_gallery

 

 

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina 60.000 euros á celebración da 31ª edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, co que revalida a súa achega ao financiamento deste encontro, que se desenvolverá do 17 ao 26 de xullo na vila ourensá.

Así o recolle o convenio de colaboración asinado onte na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, entre o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o alcalde de Ribadavia, José Ignacio Gómez, que consolida a MIT, Premio da Cultura Galega 2013 na modalidade de Artes Escénicas, como un dos eventos máis importantes do sistema teatral galego.

O texto rubricado fai referencia, ademais, á compoñente emblemática da Mostra de Ribadavia, pola especial transcendencia que tivo no inicio e posterior desenvolvemento do teatro profesional galego. “Nacida en 1973 da man da Asociación Cultural Abrente, a mostra foi adquirindo en cada edición unha maior envergadura ata se converter na cita de referencia para o conxunto dos profesionais e afeccionados do teatro galego, que poden acceder deste xeito, no seu ámbito máis próximo, a propostas de artistas escénicos de sona internacional, así como ás propostas galegas máis innovadoras”, segundo versa o contido do convenio.

O apoio á MIT por parte da Agadic súmase á convocatoria de subvencións a festivais escénicos e de música galegos, actualmente en fase de resolución, e a través da que se destinan 370.000 euros anuais para a celebración deste tipo de eventos, considerados estratéxicos para a difusión cultural e para a dinamización da industrias do sector.

Organizada polo Concello de Ribadavia e baixo a dirección artística de Roberto Pascual, a MIT 2015 desenvolverá durante 10 días un amplo programa de representacións teatrais baseado, nesta ocasión, na hibridación de linguaxes escénicas que se dá na creación contemporánea e na autoría dramática actual. A carteleira completa desta trixésimo primeira edición presentarase oficialmente este xoves 25 de xuño nun acto que terá lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.