• Máis de 8.000 alumnos de 40 centros participarán na “3ª Semana escolar da provincia e a súa Deputación”
  • Manuel Baltar afirma que o obxectivo “é afondar no coñecemento da nosa provincia dende unha perspectiva didáctica”
Manuel Baltar e Xosé Antonio Perozo

Manuel Baltar e Xosé Antonio Perozo

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado do escritor Xosé Antonio Perozo presentou onte no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a 3ª edición da Semana Escolar da Provincial e a súa Deputación, un evento que terá lugar entre os días 23 ao 27 de novembro e no que participan máis de oito mil alumnos de 40 centros educativos da provincia de Ourense.

O presidente do goberno provincial explicou que o obxectivo desta Semana Escolar é afondar no coñecemento da nosa provincia dende unha perspectiva didáctica, “tendo á transparencia e a divulgación como eixos da forma de entender o goberno da provincia moderna. Por elo agradecemos aos centros e ao profesorado a súa implicación nesta aventura cultural e confiamos na utilidade do proxectos de implantar o coñecemento da provincia na escola”. Manuel Baltar salientou ademais que dos 45 gobernos provinciais de España “a Deputación de Ourense é o único que achega desta maneira á institución provincial á cidadanía, iniciativa contemplada no Plan Ourense 15-19, que defende unha visión integral de provincia coa máxima da cooperación e asistencia aos concellos e aos cidadáns”.

Nesta terceira edición, seguindo suxestións do profesorado, a temática céntrase na divulgación da riqueza cultural que a historia sementou e deixou na provincia de Ourense. Co título de O patrimonio provincial da ourensanía, publicación da que é autor Xosé Antonio Perozo, ao longo de 60 páxinas “faise un percorrido polos principais aspectos da organización provincial, da arquitectura, das comunicacións, dos movementos e estilos artísticos, dos espazos naturais e do termalismo”, explicou o autor, que afirma que o relato se desenvolve “dun xeito ameno, non de libro de historia ao uso, narrado por unha moza chamada Auria, xa coñecida polos participantes desde as edicións anteriores”.

Como nas edicións anteriores, editouse un manual para uso do alumnado, unha guía de suxestións de actividades para o profesorado e un cartel anunciador da semana. Cada un dos participantes disporá do seu propio manual. Ademais todas as bibliotecas dos 40 IES e CEIP que imparten secundaria recibirán exemplares para os seus fondos.

Nas dúas edicións anteriores o manual estivo centrado na historia da creación e desenvolvemento histórico da provincia en termos xerais do Estado español e no noso territorio en particular, así como no funcionamento do Goberno da mesma.

A Semana Escolar da Provincia comeza o luns día 23 e conclúe o venres día 27, cun programa que cada centro desenvolverá do xeito que mellor considere o profesorado implicado na campaña. Mediante unha guía ofrécense suxestións de posibles actividades e un programa base.

Como colofón da conmemoración da creación das provincias modernas no ano 1833, o sábado día 28 a Deputación volverá celebrar o seu Día de Portas Abertas, a partir das 11,00 horas, e o luns día 30, alumnos dos centros escolares de Verín celebrarán no Pazo Provincial un Pleno Xuvenil sobre o noso patrimonio.