A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou onte a concesión de axudas para concellos e entidades por importe de máis de 900.000 euros

Primeira Xunta de Goberno da Deputación de Ourense 170715

 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou onte a concesión de axudas para concellos e entidades por importe de máis de 900.000 euros, que irán destinadas principalmente aos ámbitos das infraestruturas, servizos sociais, formación, cultura e deporte da provincia de Ourense. A Xunta de Goberno integrada por Manuel Baltar, Rosendo Fernández, Jorge Pumar, Pablo Pérez, Montse Lama, Plácido Álvarez, Ana Villarino, Manuel Doval e Juan Anta, celebrou a súa primeira reunión do novo período político 2015-2019, con 27 puntos na orde do día, sendo designada voceira da mesma a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montse Lama, quen foi a encargada de dar conta dos acordos.

No que atinxe á cooperación co Campus de Ourense, a Xunta de Goberno ratificou o convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural no Campus de Ourense. Convenio polo cal o goberno provincial achega á Universidade de Vigo a cantidade de 165.000 euros para o financiamento de actividades culturais, educativas e de investigación.

En canto ás axudas de ámbito cultural, servizos sociais e para a concesión de bolsas internacionais, a Xunta de Goberno aprobou para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas correspondentes a 2015 a achega de 79.833 euros, mentres que para asociacións e fundacións e proxectos de servizos sociais destínanse un total de 255.000 euros. E no que atinxe ás bolsas internacionais, un total de 10, son para desenvolvemento de actividade formativa en Portugal, seis, e Reino Unido, catro.

Tamén aprobáronse as programacións anuais das escolas de Danza e de Gaitas da Deputación de Ourense. Como novidade para o vindeiro curso, na Escola de Danza inclúese un desconto do 60 % para familiares dos alumnos matriculados, e na Escola de Gaitas dáse a posibilidade do pago fraccionado en 3 meses.

Para os concellos da provincia de Ourense, a Xunta de Goberno aprobou axudas nos ámbitos referidos a infraestruturas, actividades culturais e deportivas e equipamentos. Son as seguintes:

-CORTEGADA: para equipamento termal no balneario 50.000 euros.

-XINZO DE LIMIA: para gastos de sostemento do conservatorio 25.000 euros.

-CELANOVA: para obras de mantemento na escola infantil 10.000 euros.

-MUÍÑOS: para obras de acondicionamento e equipamento do centro BTT Serra do Xurés 50.000 euros.

-A BOLA: para arranxo de vías municipais 50.000 euros.

-BALTAR e BEARIZ: para actividades culturais 15.000 e 12.000 euros, respectivamente.

 

En canto ás axudas para asociacións as principais son:

-AIXIÑA: para o servizo de transporte do Centro de Día de parálise cerebral 30.000 euros.

-FUNDACIÓN TERRA DE CELANOVA: para a protección de discapacitados psíquicos da Terra de Celanova un total de 15.000 euros.

-LOBEIRA: para a residencia de maiores 75.000 euros.

-CONSELLO REGULADOR D.O. RIBEIRO: para equipamento tecnolóxico 50.000 euros.

-SARABELA S.L.: compañía de referencia no ámbito cultural ourensán. As achegas suman un total de 86.000 euros que se distribuirán para FITO 2015, MITEU 2015 e para outras actividades de produción e distribución.

También te podría gustar...